Roberto Salgueiro gaña o IV Torneo de Dramaturxia de Galicia co texto ‘Jessi and Johnny’
A Sala de exposicións do Auditorio de Cangas acolleu a cuarta edición do Torneo de Dramaturxia de Galicia, unha actividade que se consolida como unha aposta firme da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas para dar a coñecer a nosa dramaturxia, creando un nexo directo entre autoras/es e público. Este ano, ademais, este combate conta co apoio e a colaboración do Centro Dramático Galego (CDG).
O texto gañador titúlase “Jessi and Johnny”, do dramaturgo ROBERTO SALGUEIRO. As actrices María Costas e Lara Álvarez foron as encargados de poñerlle voz ao escrito. Os outros textos que participaron no torneo desta XXXVII Mostra son “Gourmet”, de FERNANDO CASTRO PAREDES, coa dramatización de Sonia Rúa e Mundo Villalustre; “Wija”, de MARÍA LADO, interpretado por Daniela Rodas e Teté García; e “Tínder”, da dramaturga MARTA PÉREZ, coa interpretación dos actores Xurxo Cortázar e Arantxa Treus.
Esther F. Carredeguas, dramaturga, escritora, actriz e directora teatral galega, foi a mestra de cerimonias desta nova edición do Torneo. Ela foi a encargada de presentar este curioso e verbal combate no que os catro dramaturgos se bateron na procura do voto do público.
Este proxecto, pioneiro en Galicia, conta coa imprescindible colaboración de DramaturGA, a primeira asociación profesional da dramaturxia galega.
TRES LIBROS COS TEXTOS ANTERIORES
O concurso tivo a guinda de ouro coa presentación oficial dos textos que participaron nas tres edicións anteriores do Torneo de Dramaturxia. A capa dos libros, publicados por Edicións Positivas, foi deseñada por Diego Seixo.