A ‘Nova realidade’, a debate por profesionais das artes escénicas
A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) reuníu a profesionais de diferentes ámbitos relacionados coas artes escénicas para falar sobre a ‘Nova realidade’ que vivimos pola crise da Covid-19. Foron dúas mesas de debate onde abordar de fronte a problemática do sector e atopar unha saída a unha crise que se suma a outras anteriores e das que, con moito esforzo, o teatro conseguíu saír, reforzado transformándose, evolucionando e avanzando.
‘Presente e futuro dunha profesion en permanente crise’ foi o título da primera das mesas de debate moderada polo crítico e escritor Manuel Xestoso, na que participaron Ánxeles Cuña Bóveda, pedagoga, dramaturga, directora teatral e deputada no Parlamento de Galicia; Luma Gómez, actriz e directora; Belén Pichel, produtora; Pedro Fresneda, dramaturgo e codirector do Teatro Ensalle; e Fran Núñez, director do CDG.
Unha das principais conclusións ás que chegaron os participantes é moi sinxela: “a nova normalidade parécese sospeitosamente á vella”. As discusións dos profesionais xiraron fundamentalmente sobre “a falta de política cultural da Xunta” e sobre unhas carencias que se viron agudizadas pola crise provocada pola pandemia.
Os participantes na mesa coincidiron na necesidade de substituír a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) por outro organismo “que vele máis polo artístico que polo burocrático”. Ademais, aproveitaron para reclamar, de forma urxente, “a elaboración dun diagnóstico sobre o estado das artes escénicas na Galiza actual” que sirva para elaborar estratexias que estean ao servizo desa realidade. Os profesionais puxeron en valor a “riqueza dun tecido artístico que non se ve reflectido nun mercado carente de estímulos”.
A segunda mesa de debate da tarde plantaxábase unha pregunta: “Tempo de transformacións?”. A directora e profesora de voz Cristina Domínguez moderou o encontro, no que participaron Marián Bañobre, actriz e directora; Eduardo R. Cunha “Tatán”, titiriteiro e actor; Rut Balbís, creadora, intérprete e docente en artes do movemento; Cándido Pazó, dramaturgo, director e actor; e a actriz Rocío González.
Estes profesionais das artes escénicas explicaron de que xeito viviran o confinamento, entre a “estrañeza e a incertidume”. Algúns revelaron que aproveitaran o tempo para crear. Outros, sen embargo, confesaron que quedaran paralizados.
Ademais, falaron do futuro do sector e da propagación de actuacións en streaming para chegar a un público que non podia estar presente. Aínda que recoñeceron que foi unha boa alternativa en algúns casos, todos concordan en que “non é a solución”, xa que ningún directo pode tentar substituír o público na sala.