Anna Esmith: “Lévome super ben con Miss Beige. É case como miña nai, que me ampara e dá forza. Oxalá puidera ter a súa forza, enteireza e honestidade”
A presenza de Ana Esmith engadiu un plus de orixinalidade á 38 edición da Mostra. Até a Cangas trouxo ao seu personaxe Miss Beige, o alter ego creado por esta madrileña licenciada en Xornalismo pola Universidade Complutense e diplomada en Arte Dramática pola International Drama School Philippe Gaulier en Londres.
A Ana Esmith puidémola ver actuar e abraoar co seu personaxe Miss Beige na Capela do Hospital. E, ademais, un selecto grupo puido aprender dela no Obradoiro ‘Salón dos Rexeitados’. “Foron uns días intensos e estou moi contenta cos resultados”, asegura. Sabedora de que traer unha proposta tan “ punky” entraña sempre algún risco, afirma orgullosa que “a proposta funcionou e engadiu algo ao festival”.
Xa coas maletas feitas e de regreso á súa terra, puidemos falar con ela sobre a súa experiencia en Cangas, de Miss Beige e mesmo da malleira mortal con tinguiduras homófobas ao mozo coruñés Samuel. “Agora máis que nunca toca apoiar a causa LGTBI. Estamos no mes do Orgullo e puidese parecer que xa se falou moito do tema, pero vendo os ataques que houbo nos últimos días, vemos que nunca é suficiente”.
Coñecías Cangas e a Mostra de Teatro?
Vivín os últimos 15 anos en Londres e non coñezo demasiado os festivais de España porque estiven bastante desvinculada. Non por falta de interese, senón porque non estiven aquí. Cando vin que esta Mostra cumpría xa 38 anos quedei moi sorprendida. Quítome o chapeu ante calquera evento que consiga pervivir tanto tempo.
Agora que tiveches a oportunidade de estar aquí, que nos podes dicir deste certame e da xente coa que tiveches ocasión de compartir cama e espazo?
Foi marabilloso. O venres, na performance ‘Secretos de alcoba’, a experiencia foi xenial. Todas as veces tentas que sexas marabilloso e dar o cento por cento, pero en Cangas foi moi gratificante porque se nota que ao ser unha cidade máis pequena hai outro ritmo e notei moito agarimo por parte da xente. A xente estaba desexosa de participar nunha cousa así. Ver a súa aceptación e esa cara de “queremos xogar contigo” tocoume. Pareceume moi lindo. Persoalmente, vou moi ben coidada e moi ben tratada. É unha sensación moi bonita. Cando vin que ía facer a performance na Capela do Hospital case morro da emoción. O espazo é incrible.
Como acaba unha xornalista facendo performance?
Iso digo eu (risas) Estudei Xornalismo na Complutense de Madrid, pero xa facía teatro e cousas escénicas desde pequena. Cando cheguei á universidade, Arte Dramática non estaba considerada unha carreira. Xornalismo permitíame adquirir un coñecemento xeral de todo. Sempre me gustaba escribir e a actualidade. Ao acabar a carreira, vou a Londres a estudar Arte Dramática e, cando volvo a España, creo a Miss Beige. É aí cando, por primeira vez, uno o meu traballo artístico e xornalístico. Mestúranse as dúas cousas porque é un personaxe ficticio que fala sobre cousas reais. Cotiás. De todo o que ocorre. A actualidade e a política encántanme.
Son das que pensan que debes ter un compromiso coa época que che tocou vivir. Con Miss Beige falo de asuntos de hoxe en día. Desta maneira, podo dicir as cousas que quero eliminando a parte máis agresiva. Dunha forma máis intelixente. Ao atopar o personaxe e ver que non tiña cabida no teatro máis convencional porque non ía falar, entendín que a única forma de darlle saída era a través da fotografía, a performance e o vídeo.
Que relación manteñen Ana Esmith e Miss Beige?
Lévanse super ben. É case como a miña nai, que me ampara, me protéxe e me dá forza. É unha relación de admiración porque oxalá eu puidese ter esa forza, enteireza e honestidade. Téntoo, pero non me sae todo o tempo (risas). É unha relación de profundo respecto e admiración. Unha relación preciosa.
Como naceu Miss Beige?
Cando atopo o vestido de poliéster que levo sempre nun posto do Rastro de Madrid. Velo alí, tan desgraciado e feo fixo que me propuxese darlle outra vida respectando como era, sen cambialo nin alteralo, sendo o que é. Ese mesmo domingo pola tarde, cheguei á miña casa e empecei a tirar de fondo de armario. Entón atopei os zapatos, o cinto, as lentes, ... Vinme diante do espello e díxenme: “Aquí hai algo moi interesante”.
Miss Beige é un proxecto persoal e nada pensado. Artisticamente encántame porque me permite gozar dese ensoñamiento que debemos ter todos os que nos dedicamos a unha profesión artística.
Miss Beige propón unha deconstrucción da identidade feminina contemporánea. De que maneira?
Ela é unha imaxe que non se adapta ao que vemos hoxe en día. Non segue os canons. E iso é o que chama a atención e fai que a xente se pregunte por que o fai. E por que non? Por que ás mulleres non se nos permite xogar coa nosa imaxe e aos homes si? A imaxe é unha cousa que afecta a todo o noso traballo. En calquera profesión, pero nesta máis. Deberiamos estar afeitos a todo isto no ano 2021, pero aínda non o estamos. A identidade feminina, a imaxe da muller, non cambiou case nada desde a primeira Madonna. Miss Beige non segue ningún dos roles. Colocar a unha muller sobre unha cama e que non teña ningunha connotación sexual é estraño. Dá a oportunidade de sentir esa liberdade tan inspiradora para outros. Á fin e ao cabo, o que máis envexamos do ser humano é a liberdade e por iso Miss Beige deconstrúe a imaxe feminina.
Nunca fala Miss Beige?
Non fala porque a imaxe é tan forte que pesei que coa miña voz non ía engadir nada. Así, pode saír a miña vulnerabilidade e a do espectador. Eu vou a cara lavada e quero que quen se deita comigo tamén poida estar a cara lavada. O espectador abandónase e non fai falta adornalo cunha chea de cousas. É unha pureza que só dura un momento. A vulnerabilidade do artista e do público únense. É unha comuñón incrible.
O seu principal espazo de actuación é Instagram, por que?
Cando empecei non tiña Instagram. Abrino o día que me comprei un teléfono novo que mo permitía. Empezou dunha forma moi natural. Quixen utilizar as redes de maneira coherente. Non quixen que tivesen contidos narcisista e imaxes retocadas. A miña proposta era outra totalmente distinta.
Nas redes sociais non somos todos iguais. Son un xogo e eu utilízoas como tal. Obríganme a crear material e a estar aí. Do mesmo xeito que unha persoa vai traballar todos os días, eu tamén teño que crear material. Aproveito as redes sociais para implicarme nas cousas que pasan, xuntado sempre realidade e ficción. E ás veces digo cousas que outras persoas non se atreven a facer.
Por que o total look beige?
Porque non tiña nada de roupa beige. É unha cor anodina e descoñecida. Parecíame máis interesante xogar coa provocación con esta cor que non significa nada, que só se asocia coa cor de parede e da xente maior. Ademais, ten unha característica moi interesante. Eu falo cinco idiomas e deime conta de que esta cor dise igual en moitas linguas.
Por que Miss Beige sempre leva un martelo no bolso?
Porque eu sempre digo que todos teriamos que desfacernos de todos os prexuízos. Cando xulgas a unha persoa de antemán por como vai vestida, por como se comporta, o martelo rompe esa imaxe. Por que che ten que dar pena alguén por levar unha roupa en concreto? Se cadra é moito máis feliz que ti. O martelo paréceme un obxecto marabilloso. Hai unha muller que vas prexulgar e de súpeto ves esta ferramenta e lévache a outra dimensión. O martelo permite xogar coa provocación para desafiar ao que mira. Non o utilizo como arma, de feito, sempre está dentro do bolso, utilízoo como reivindicación. Como metáfora.