Camilo Franco: "A arte que máis se parece en calquera cousa á vida é o teatro"
Unha conversa con Camilo Franco está chea de retranca e da sabedoría que dan tantos anos de oficio. A organización da XXXVIII MITCFC concede o Premo Xiria ao Labor Teatral ao narrador, xornalista e crítico teatral, Camilo Franco, en recoñecemento ao seu importante labor como xornalista cultural e, particularmente, polo exercido como crítico teatral. Con el falamos antes de recibir o galardón e isto foi o que nos contou:
-Como recibiu a noticia do Premio Xiria ao Labor Teatral?
Aínda que semelle unha frase tópica, con sorpresa. Sorprendinme porque non é habitual e case nunca sucede que se premie a un crítico.
-Como cualificarías o traballo da Mostra de Teatro de Cangas nestas xa 38 edicións?
A Mostra, ao igual que o resto dos festivais, están a facer un importante exercicio de resistencia a favor do público porque o teatro é, sen dúbida, o máis importante. Durante unha época, os festivais cumprían o papel de exhibir os espectáculos que non era habituais. Agora, sen embargo, en moitos casos case están obrigados a programar o que é habitual, o que xa tería que estar nunha programación cotiá. Por varias circunstancias, e non só pola pandemia, os festivais teñen que facer este traballo e asumir as carencias que vai deixando a programación cotiá e, ademais, teñen o compromiso de traer as obras máis extraordinarias.
Non debemos esquecer que os festivais e as programacións teatrais non están para defender ás compañías de teatro, aos actores e ás actrices, senón o dereito dos espectadores de ir ao teatro. Parecera que estes eventos só lle interesasen aos profesionais, pero o dereito é dos espectadores.
-Cal é a relación de Cangas co teatro?
Cangas ten un protagonismo particular nesa relación. Todas as vilas de certo tamaño, nin moi grandes nin moi pequenas, acaban por desenvolver unha relación de identidade e complicidade cos festivais coma este. Poderiamos dicir sen ruborizarnos que as localidades con eventos como a Mostra entenden mellor o teatro. Son espectadores mais adiantados. Entenden máis de teatro. Teñen o ollo máis afeito.
Cangas, ademais de desenvolver un traballo escénico propio, ten abertas varias liñas que, ademais de falar do teatro, tamén falan do que o teatro fala. De como se percibe a sociedade, de activismo e todas esas cousas que están nas liñas paralelas no teatro.
-Narrador, xornalista e crítico teatral. De que xeito chegou o teatro á túa vida?
Non o sei moi ben... Eu teño unha vocación moi grande de ser o último mono (risas). Cando cheguei ao xornalismo, vin que a área que estaba máis desatendida era a de Cultura. A crítica teatral era a que máis lle custaba facer a todo o mundo. E ten sentido porque, cando escribes unha critica de teatro, sempre acabas por cruzarte con alguén que fai teatro. Ten un compoñente persoal un pouco menos cómoda, salvo que sexas moi, moi amable, que non é o meu caso. No meu caso tamén houbo un pouco de teimosía ou insistencia. Unha vez que empecei a facer crítica teatral, había que seguir.
-Que aprendizaxes se poden extraer do teatro?
Uf! Son moitas, pero hai unha fundamental. A arte que máis se parece en calquera cousa á vida é o teatro. O teatro funciona cos mesmos esquemas e as mesmas intencións que funciona a xente xa que está feito por xente. A mellor maneira de aprender algo da vida sen que te manque moito é o teatro. A xente que ves actuar ten motivacións humanas. Son persoas e persoas, sen filtros. O teatro traballa con ferramentas humanas. Non hai posibilidade dixital de cambiar. Non me imaxino nada más cerca que a experiencia teatral. Ademais, se vas suficientes veces ao teatro, aprendes a sintaxe das mentiras e a ver como se minte. Se ves traballar aos actores e actrices, aprendes a distinguir cando o fan ben e mal e, polo tanto, cando te están tangando nunha entrevista de traballo.
Sería moi útil aprender a facer teatro na escola para saber en que está baseado o principio de finxir. Os actores e actrices están obrigados a finxir de moitas maneiras. No teatro apréndese automaticamente, case sen ningún sufrimento, a finxir. Se queres facer xornalismo político e entender a un político na tribuna, vai ao teatro. O que me asombra é que a xente non vaia máis.
-É moi difícil facer unha crítica negativa?
Non é difícil. Incuso é máis fácil falar mal que ben. O complicado é que o que dis sexa entendido. Hai como unha convección de que as criticas se fan para o director, para os actores e actrices, pero non é así. A crítica faise para os espectadores. Se alguén leu a túa crítica e vai ver a obra para comprobar se é certo o que dis, triunfas. Se os espectadores foron ver a obra e consideran que no que dis non tiñas razón, gañas tamén. A función do crítico é que a xente vaia ao teatro e pense algo. Que vexa unha historia e que o que sucede sexa útil no sentido da diversión e no resto dos sentidos. A crítica ten que servir para distinguir as cousas que teñen sentido das que non.
-Ten bo nivel de teatro Galicia?
Hai días que si... Hai un nivel que é comparable internacionalmente, outro nivel comparable nacionalmente e outro, localmente. O bo é que Galicia está en todos os niveis. O teatro ten unha característica esencial e é que nada é definitivo. Aquí temos bo teatro, a veces é mellor do que se di e, a veces, peor, pero igual que en calquera parte do mundo. Os espectadores en Galicia tamén teñen que entender, e o entenderán se so pensan, que a historia non é igual aquí que en Portugal, no País Vasco ou en Cataluña.
Galicia desenvolveu moito máis o talento escénico e interpretativo que o resto dos talentos que ten o teatro, como pode ser o dos directores. Porque para iso necesitas máis tempo.
Na linguaxe dos futboleiros, podería dicirse que non fas unha selección nun ano. Necesitas máis tempo e unhas condicións. O importante é que o teatro galego avanza e teñen anos por diante para mellorar.
-A xente máis nova non vai moito ao teatro. Como podemos corrixir isto?
Hai algo na capacidade de transmisión interxeracional. Agora, a franxa entre os 14 e os 20 anos, salvo excepcións non ten curiosidade polo teatro. Isto tamén nos pasou a nós anteriormente. O importante é saber que ese distanciamento non debe converterse en algo crónico. Que cando se van achegando aos vinte anos, saiban que o teatro sigue aí.