Margarita Ledo Andión: "As mulleres agora temos máis ferramentas para recoñecer todos os sistemas que se labraron para someternos"
Margarita Ledo Andión recibe este ano o Premio Mulleres en Acción en recoñecemento ao seu labor como escritora, cineasta, investigadora e docente. A organización destaca o feito de que Ledo Andión aposte, no ámbito académico, "por una educación en Comunicación Audiovisual con perspectiva de xénero". E, como cineasta, "por utilizar o ollo da cámara ao servizo do corpo e da realidade das mulleres". O seu último filme 'Nación' obtivo o Premio 2020 á Mellor Dirección de Película Española do Festival de Cine Europeo de Sevilla e o Premio Mestre Mateo 2020 ao Mellor Documental.
-Que significa para ti recibir o Premio Mulleres en Acción?
É un premio que a min préstame porque coincide moito con todo o que fago no eido académico e no creativo. Digo isto porque a acción forma parte do que podes facer cara as mais. Cando falamos dunha performance, por exemplo, é un tránsito cara as outras persoas sempre. Este premo dáme folgos par facer máis cousas e sorpréndeme moi gratamente que sexa desde un festival de teatro.
-As Xornadas Mulleres en Acción celebran este ano a súa 21 edición. Que cousas mudaron para as mulleres nestas dúas décadas?
Eu coido que se foi pasando da conciencia de nós propias e do que iso significada. A negación sobre a muller foi moi insistente e moi perfecta. Cando se loitaba, por exemplo, contra o adulterio ou o divorcio estabamos a falar do corpo. De repente empezas a pensar que cando reclamas decidir sobre a túa propia reprodución, a túa sexualidade, todos eses dereitos pasan polo corpo. Esa é clave da gran transformación. Pásase dunha posición de reivindicación teórica de dereitos a formas de reivindicación máis total.
-Como ve o camiño que queda por diante? Es pesimista ou hai motivos para o optimismo?
Eu tendo a ser optimista porque se non xa estariamos indefectiblemente derrotadas. Creo que temos móbiles para estarmos xuntas e para seguir labrando a sororidade e todo aquilo que nos unifica cos demais, o que nos dá o alento. Temos máis ferramentas para recoñecer todos os sistemas, que son moi sofisticados, que se labraron para someternos.
-Escritora, cineasta, investigadora e docente. En cal destes eidos profesionais te sentes máis cómoda?
Son todos moi transversais. Os traballos de creación sempre teñen unha referencia real, carnal. Móvome sempre entre esas liñas. A miña coherencia vén de aí. Fago o mesmo a través de portas diferentes.
-Cal che aportou máis satisfaccións?
Uf! Non o sei... Unhas levan ás outras. Pero se tivera que quedarme con algo, é co meu primeiro filme ‘Santa Liberdade’. Aquí xa está Mónica Camaño, que actúa en todas as outras películas. Gústanme esas obras que me permiten despois continuar.
-Existe unha maneira feminina de ver o mundo e trasladala ás creacións artísticas?
O que chamamos cinema en feminino ten que ver en poñer primeiro lugar, no centro, á muller en relación co mundo. E ten que ver con deconstruír os estereotipos que a someteron. O de ‘ponte guapa’, ‘cala a boca’. Ten que ver con deixar de ser un obxecto para ser visto, coa pasividade e coa dependencia.
-Cal é a situación da muller na cultura en Galicia?
O mundo da cultura ten unha gran precariedade porque está desasistido. Non hai conciencia- porque non quere habela- de que é un elemento básico. Eu traballo fundamentalmente con mulleres actrices e creo que hai unha latencia expresiva fortísima. E pode verse cando se traballa con certo tempo, con ese espazo que fai emerxer todo o potencial expresivo que me gusta e me permite facer as miñas cousas. Por iso, reclamo espazo, recursos e políticas acordes coa satisfacción desas necesidades.
-As cifras de violencia machista seguen a ser motivo de preocupación. Onde se atopa a solución?
Nunha mudanza absoluta de mentalidade para localizar os mecanismos do patriarcado. Eu digo algo que me resoa ao que o Padre Fanhais, do grupo de Zeca Afonso, dixo na cidade de Porto alá polo ano 1975: “O proletariado ten a misión histórica de salvar a burguesía”. E eu digo que o feminismo ten a misión histórica de salvar o machismo. Esa é a función do feminismo.
-Ser muller no século XXI é marabilloso porque…
...porque sabemos quen somos e porque, desde o feminismo, temos a capacidade de mudar as mentalidades e acabar co patriarcado.