Diego Seixo: “Teño a sensación de estar a recibir unha gran aperta de toda a familia que leva adiante esta mostra”
Esta entrevista con Diego Seixo, como calquera conversa con el, zumega humor, ironía e intelixencia. Este artista moañés é o creador do cartel desta 40 edición da Mostra. Vencellado dun xeito ou doutro desde a súa nenez ao mundo do teatro, Seixo fala con orgullo e cariño da “gran familia” da MITCFC, dos segredos do seu cartel, do “comercio de proximidade” tamén na arte,... E tamén de whisky, cervexa e Bitter Kas.
Que supón para ti o encargo do cartel dunha edición tan importante como a número 40?
Aparte de que ambos cumprimos anos a unha velocidade absurda, é toda un honra. Teño a sensación de estar a recibir unha gran aperta de toda a familia que leva adiante esta mostra. Corenta edicións celebradas ininterrompidamente son palabras maiores para calquera evento, máis cando sabes que todo vén da vontade dun grupo de persoas que actúan desinteresadamente, falo do económico, porque interese poñen dabondo, son teimudas.
Fuches tamén o creador do cartel da XXXIII Mostra, en 2016. Cambiaron moito as cousas no mundo do teatro e das artes plásticas nestes anos?
Mantemos un rumbo firme, de seguro que Einstein podería formular perfectamente a Constante involutiva de atención institucional ás expresións artísticas… habitamos un país cunha produción cultural exportábel pero que non importa. Bioloxicamente é un misterio, semella que os organismos oficiais poden sobrevivir prescindindo dalgúns dos órganos fundamentais, estou descartando dentro destas carencias os pulmóns, o fígado e os riles.
Fálanos do teu vínculo co teatro...
Non podo concibir a miña traxectoria artística -tampouco a vital- sen o teatro: sobre os 12 anos fixen a miña primeira colaboración con Teatro Aurin, fundada por Pedro Pablo Riobó; na adolescencia fundamos Teatrofia no instituto (eramos lamentábeis, pero xente voluntariosa). Nese punto nace a miña relación de amizade cos que despois resultarían excelentes actores como Fran Paredes ou Santiago Cortegoso -tamén autor e director- e con Salvador del Río, quen xa daquela era un actor consagrado que sempre estaba disposto a apoiarnos. Cando remato os estudos fóra de Galiza, Salvador del Río, Fran Paredes, Santiago Cortegoso e o músico Alberto Barreiro (o Warren) convídanme a entrar en Llullu Teatro, proxecto que particularmente serviu para introducirme na escena profesional. Dende entón levo participado nunhas corenta producións teatrais con Llullu, Aurín, Teatro de Ningures, coas Aulas de Teatro da Universidade de Vigo e con Ibuprofeno Teatro, desenvolvendo distintas tarefas en todo o relacionado cos aspectos visuais das producións. Tamén colaboro con Escena Galega e co proxecto Escena Norte. Coa MITCFC iniciei a miña relación profesional en 2011, aínda que a miña primeira lembranza é do principio dos 90, descargando escenografías.
En que te inspiraches para facer este cartel?
Loxicamente, no teatro e na comedia. Tiña claro que quería retomar o personaxe do cartel de 2016 e sometelo a unha nova situación extravagante; “escribir” un novo capítulo. Un día, cando xa tiña a escena completamente pechada, traballando noutro proxecto decateime da coincidencia entre o interior dunha lámpada e a corda frouxa do funambulismo (estaba completamente sobrio, prometo) …o resto viu só.
Buscas transmitir algo en concreto?
Nunca busco transmitir algo concreto, para iso hai outras linguaxes máis efectivas, o plantexo máis ben como un xogo coa persoa que observa. Busco que esta persoa complete o seu relato, o seu conto, o seu gag. Eu tiro as cartas aínda que é certo que están marcadas, neste senso son un pouco trampón, algo así como un tafur.
O cartel agocha algún que outro segredo, como unha chiscadela á ‘Alicia’ de Lewis Carroll. Por que elixiches esa figura inspirada en Humpty Dumpty que aparece nos teus dous carteis para a Mostra?
Máis que unha inspiración foi unha converxencia, o ovo sempre formou parte da miña iconografía, ben polo seu simbolismo ou ben pola seu aspecto formal. Pensa nese corpo tan perfecto, tan sinxelo, na súa fraxilidade e no seu equilibrio case imposíbel. O personaxe do cartel de 2016 xa era un ovo transformado nun resorte sorpresa, ao levalo á corda frouxa decateime que estaba a facer unha nova versión do personaxe sobre o muro que xa Carroll recuperara dunha canción infantil inglesa.
Algún outro misterio que nos axude a ler mellor a ilustración?
Está de actualidade a desaceleración da rotación do núcleo terrestre, pero non aporta absolutamente nada a este tema. Calquera lectura será a mellor, é unha cousa moi íntima entre o cartel e o público, prefiro non entrometerme.
Como artista, que opinión che merece que a Mostra busque o talento de creadores galegos para elaborar os carteis cada ano?
Son defensor do comercio de proximidade, é unha fórmula coa que nos irá a todas e a todos moito mellor. Isto díxomo Alicia (a da praza de abastos, non a de Carroll) e ante a insentatez as dúas Alicias sempre teñen razón.
Este ano tamén vas comisariar unha exposición que recolle os carteis de todas as edicións anteriores. Aínda que non sexa politicamente moi correcto dicilo, seguro que tes un ou varios que son dos teus preferidos…
Para ser cauto, e de paso evitarme uns chapazos, falarei só dende o punto de vista da emotividade. Sinto especial agarimo polos carteis da oitaba e da décima mostra, o de Sito Iglesias e o de Manolo Ballesteros, ambos amigos que xa non están e que foron en gran medida os que estableceron os meus primeiros vínculos con esta mostra cando eu era moi novo, así lembro axudar a colorear a Manolo o cartel de 1993 mentres este maldicía o momento en que se lle ocorrera debuxar tanto ladrillo, eu ría e Sito pedía calma. Tomamos whisky.
Tamén teño boas lembranzas pola proximidade durante o proceso creativo coas pezas de Luz Beloso, en 2020, e de Leandro Lamas, en 2021, sen esquecerme do cartel de 2013, o do Pastor, ese redondelano ao que é imposíbel non terlle afecto. Tomamos cervexa.
Finalmente, estou moi satisfeito pola recuperación para o selo conmemorativo desta edición do “bicho” orixinal que Manuel Pizcueta ideara como logotipo para a MITCFC en 2004, pechándose así o círculo nunha especie de xustiza poética. Tomamos Bitter Kas.