Lois Soaxe: "O teatro axúdame a aguantar a vida neste mundo de tolos"
Lois Soaxe é un actor da terra vencellado ao teatro e á Mostra desde rapaz. Un artista que non agocha o seu nerviosismo horas antes de ofrecer o pregón inaugural da 40 edición da MITCFC. Ademais de falar do seu oficio, tamén se puxo na pel dun político e subliñou algunhas medidas que servirían para mellorar a saúde das artes escénicas. E, por suposto, deunos máis dun motivo para ir a Cangas a partir do domingo 25 de xuño.
P-Faltan xa poucas horas para que arranque a 40 Mostra. Estás nervioso?
R- Pois... siiii!!! É a primeira vez que dou un pregón e non teño claro se o que vou contar vai interesar, se o ritmo vai ser o adecuado, se o tempo é o correcto... Dúbidas, dúbidas,…
P- Como recibiches a noticia de que ías ser o pregoeiro dunha edición tan especial?
R- A primeira reacción foi de sorpresa e negación, pois non me miraba eu nese papel. Despois penseino un pouco e díxenlles que por suposto, que para adiante.
P- Que significa para ti a nivel persoal este recoñecemento desta xente do teatro?
R- Sempre che sube un pouco a autoestima que a xente que coñeces de fai tanto tempo, que son compañeiras e compañeiros de traballo e cos que tes unha relación de amizade, pensen en ti para que abras unha Mostra na que levan traballado tanto tempo e con tanto esforzo.
P- Sabemos que a MITCFC sempre estivo moi presente na túa vida. De feito, preséntaste como da ‘Xeración Mostra’. Cales son as túas primeiras lembranzas e vivencias deste festival?
R- Están relacionadas co cine Avenida e co cine Calvar. Coas compañías Atalaya, Cambaleo, co teatro de rúa de Teatro Estudio de Bilbao, dos Johannes Vardar, e do emocionante que era (dende os meus anos) estar no medio de todo iso.
P- Cres que se valora na súa xusta medida ter chegado á 40 edición?
R- Por parte de quen? E cal é a xusta medida? O que si penso é que pasados 40 anos non tiña que haber ningunha incerteza de apoio por parte das administracións que colaboran.
P- Se fose a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de, por exemplo, Madrid ou Barcelona, sería o conto moi diferente?
R- Non o sei, como isto depende máis do esforzo e amor polo oficio que polos tipos de goberno, que en materia teatral a todos lles importa un ‘rábano’, supoño que se faría coa mesma ilusión e alegría que esta Mostra.
P- Que é para ti o teatro?
R- A forma artística que me axuda a aguantar a vida neste mundo de tolos.
P- Como actor, como cres que andan de saúde as artes escénicas en Galicia?
R- Hai moi bos creadores e creadoras en todos os oficios teatrais. Moi boas compañías que arriscan nas súas propostas e triunfan alén das nosas fronteiras. E tamén moita xente en situación moi precaria que non consegue levantar os seus proxectos. Compañeiras e compañeiros que non son capaces de realizar a súa vida laboral nunhas condicións dignas. Hai un problema dende a política cultural deste país.
P- Se foras conselleiro e ministro de Cultura, cal sería esa medida ‘estrela’ que adoptarías para axudar a este sector?
R- Solucionar dunha vez o tema das ensinanzas artísticas e que non as convertan nunha materia ‘maría’. Que todos os teatros sexan centros de residencias de compañías teatrais para poder artellar un traballo estable e non depender das ocorrencias de calquera político que estea ao mando da política cultural. Planificar o mercado laboral, cuns plans ambiciosos na forma e tempo para que toda a xente que saia da ESAD teña opcións de traballo reais.
P- Dime un motivo -ou dous- polos que ninguén se debería perder esta Mostra?
R- Polo seu pregoiro... Non, este ano tiraron a casa pola ventá e hai un cartelazo. Non hai nada de recheo, merece moito a pena estar en todas as obras. E... porque corenta anos non se cumpren todos os anos.