Marc Caellas: "Cangas é un festival para os sentidos. As ruínas de Massó, combinadas coa beleza desta ría, é un escenario soñado"
A Compañía 'La Soledad' foi creada en Bogotá en 2013 por Marc Caellas e Esteban Feune de Colombi para desenvolver proxectos teatrais e de performance en espazos non convencionais. Marc Caellas (Barcelona, 1974) é escritor, director de escena e comisario de proxectos culturais. Esteban Feune de Colombi (Buenos Aires, 1980) é poeta, actor, fotógrafo, editor e performer. Viven e traballan en distintas partes do mundo levando con eles a súa xenial e particular maneira de entender a arte. Con Marc Caellas falamos sobre Cangas, o teatro, o seu proxecto teatral e tamén sobre os seus libros.
P- Non é a primeira vez que actuades en Galicia. Xa coñeciades a Mostra de Cangas?
R- É a nosa cuarta vez en Galicia en tres anos. Participamos dúas veces no Escenas do Cambio, en Santiago de Compostela, con tres propostas moi distintas, e unha no Fóra de Mapa, un festival de Ferrol que toma espazos abandonados ou temporalmente pechados para convertelos en escenarios efémeros, zonas temporalmente autónomas e poéticas. Non coñecía a Mostra. Tivo que cumprir 40 anos para que nola presentasen. Nunca é tarde.
P- Como resultou a experiencia de coproducir ‘Que é a auga?’ coa Mostra?
R- Non sempre é fácil atopar programadores que aposten por propostas que se saen da seguridade da sala ou dunha dramaturxia fixa. Con María Armesto (directora artística da Mostra) atopamos unha cómplice entusiasta e todo foron facilidades. Estamos a aprender moitas cousas. Onte, sen ir máis lonxe, a area da praia contounos que a ría é un vella poeta da natureza…
P- Xunto a Esteban Feune de Colombi creaches hai 10 anos a compañía 'La Soledad' para desenvolver proxectos teatrais e de performance en espazos non convencionais. En Cangas mergullarédesnos no medio acuático. Que outros espazos investigastes ata o momento?
R- Interésanos traballar a idea de paisaxe nas obras. O propio da paisaxe, a diferenza dun territorio, é a existencia dun punto de vista, un observador. A paisaxe presupón alguén que o mira. Sen esa condición, sen ese alguén que o mire, non existe a paisaxe. Ese alguén é o espectador atento ao que apelamos e ao que movemos en determinados lugares para enmarcalo poéticamente.
P- Tamén con Esteban Feune de Colombi escribiches ‘Dous homes que camiñan’, un “artefacto literario” que recolle vinte singulares roteiros a pé. Onde queredes trasladar ao lector?
R- Pensamos a deriva, o paseo, o camiñar como ferramenta ética e estética. Quixemos trasladar unha certa idea de movemento. Conseguir que o lector se trasladase a eses lugares físicos ou mentais que transitamos. Logra que camiñar un amencer sexa tan corporal como camiñar un roteiro suicida.
P- E xa en solitario, publicaches hai un ano ‘Notas de suicidio’, as últimas palabras que algunhas persoas deixaron antes de morrer. Como se che ocorreu reunir os testemuños de artistas no momento extremo no que se enfrontaron á vida e elixiron a morte?
R- Interesábame investigar a linguaxe que utilizaron toda unha serie de creadores unha vez tomada a decisión de saír deste mundo. Son textos moi distintos, ás veces son unha carta de amor, outras un testemuño artístico, outras un reclamo...
P- Aínda que o suicidio é a primeira causa de morte externa en occidente, segue sendo un tema tabú. É necesaria unha reflexión para afrontar seriamente o asunto?
R- É necesario falalo, escribilo, representalo. Hai que mirar á morte cara a cara, e facerse amigo, dialogar con ela, entender que estamos vivos temporalmente, nunha transición entre outro tipo de existencia.
P- Seguindo coas artes escénicas, a proposta que nos traedes a Cangas ten o mar como escenografía e como banda sonora. Con que nos ides a sorprender?
R- Preguntarnos que é a auga non é moi diferente a preguntarnos polo sentido deste caos que é a vida. E isto lémbrame a cando era neno e preguntábame se era posible enviar un paquete de auga por correo. Imaxinaba ao meu destinatario abríndoo e recibindo o pequeno diluvio no seu colo. O problema é que nunca ninguén me explicou a maneira de envolver medio litro de auga nun paquete de papel... Hai unha idea da auga como elemento que pode salvarnos do sufrimento. A auga ten o poder de limpar e nós atribuímoslle algo máis: o poder de curar.
P- En cada lugar, o resultado escénico é unha peza completamente distinta, adaptada ao lugar, á súa realidade e á súa relación coa auga. Que ofrece de especial Cangas e a contorna da lagoa da Congorza?
R- Cangas é un festival para os sentidos. As ruínas da Massó, combinadas coa beleza desta ría, é un escenario soñado. Se a isto lle sumamos que nos atopamos con colaboradores de alto nivel como Sara, Sonia ou Déborah, artistas que se implican e comparten xenerosamente a súa arte, pois a obra engordou sen perder un chisco de presenza.
P- ‘Que é a auga?’ é a primeira obra dunha tetralogía que a vosa compañía ten previsto facer sobre os catro elementos. Por que elixistes esta temática?
R- No sutra das montañas e os ríos, de Ehei Dogen, un mestre budista xaponés do século XIII, afírmase que a auga é a encarnación do principio de iluminación, por canto a forma é baleiro e o baleiro é forma, a forma está baleira e transcéndese cando se fai real e aúna momentaneamente, no seu seo, tempo e espazo. É por iso que nos xardíns xaponeses atopamos sempre unha pequena corrente de auga, discreta, que en determinado momento forma un estanque e logo segue o seu curso. Velaquí como debería ser a nosa arte, o estanque e a corrente, non o estanque só e a corrente soa, senón o estanque e a corrente xuntos.
P- Nos vosos espectáculos conxugades instalación, teatro documental, poesía e danza. Como é a reacción do público?
R- Creo que hai un espectador curioso ao que lle importan moi pouco o xénero ou a etiqueta dunha proposta, ao que lle son alleos estes debates, en moitos casos estériles, sobre a “identidade” dunha obra. Son espectadores que agradecen estes intervalos de vida nos que a poesía e a beleza son o único que conta.
P- Animamos a ver o espectáculo ‘Que é a auga?’ porque…
R- A auga é sexi.