'Malditas plumas', a xenialidade de Sol Picó en Cangas
Sol Picó cia. de danza presentou o sábado 1 de xullo no Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela de Cangas o espectáculo 'Malditas plumas'. Esta obra xoga coa transformación, a interacción do público e a confusión entre ficción e realidade, sempre coa ironía e o sentido do humor que caracterizan a linguaxe desta coreógrafa e bailarina.
Afincada en Barcelona, Sol Picó formou a súa propia compañía en 1993, coa que desenvolveu o seu tan persoal selo. Coñecedora da danza clásica, española e contemporánea, as tres disciplinas pódense sentir no seu traballo coreográfico, enmarcadas na expresión máis contemporánea da danza.
En Malditas Plumas percorremos diferentes episodios da vida dun personaxe, encarnado por Sol Picó, nunha viaxe que transita entre a tenrura e a decadencia. Nesta obra, o público coñece a historia dunha vedette do Paralelo e comparte as súas lembranzas, experiencias, vivencias… É todo un gran delirio quizais que, aínda que nos transporta a un sitio e a unha época moi concretos, nos conecta tamén cos sentimentos máis humanos e, polo tanto, máis universais: o medo á morte, á degradación, á perda... a desaparecer.
Aquí vos deixamos unha galería dalgúns momentos do espectáculo: