Pilar Castro: "Para min o teatro é fundamental porque é un proceso creativo máis amplo"
A representación en Cangas de ‘Contraccións’ supón a súa estrea en Galicia. A poucas horas da actuación, a actriz Pilar Castro aténdenos para falarnos da obra, da súa relación co teatro, coa súa compañeira no escenario Candela Peña e do que a xente se vai a atopar mañá no Auditorio.
P- Nunhas horas, chegarás a Cangas para clausurar coa túa obra a 40 edición deste festival. Coñecías a Mostra?
R- Non, non a coñecía. Cando nos chamaron para actuar, pareceunos moi boa idea. Unha vez que coñecemos a Mostra, pareceunos incrible o traballo que realizan. Realmente non sabía que era festival tan bo.
P- Apenas 4 meses pasaron desde a estrea en Madrid. Como está resultando a xira?
R- A verdade está a irnos bastante ben. É unha obra que conecta moito co público porque fala de traballos e condicións laborais e todo o mundo se sente un pouco identificado.
P- A obra trata da invasión crecente das grandes compañías na intimidade dos seus empregados. A obra é unha esaxeración para a ficción ou estas cousas son o pan de cada día da realidade?
R- A función é unha distopía e unha comedia negra, pero ao acabar de vela, moita xente veunos a contar que tivo unha xefa así, ou que viviu unha situación parecida.
P- E estas cousas, ocórrenlles máis ás mulleres?
R- Non. Neste caso, non. Non é unha cuestión de xénero, senón do traballo.
P- Viviu Pilar Castro algunha situación incómoda no ámbito laboral que poidas contar?
R- Si, sempre se viven cousas, pero ao nivel que fala a función, afortunadamente, nunca.
P- Desde o teu debut como actriz en 1995 con ‘Historias del Kronem’, como foi a túa evolución?
R- Sobre todo hai detrás unha gran aprendizaxe. Como persoa e tamén como actriz. A miña carreira non foi nada fácil. Pero, con moito esforzo, paixón e traballo vas estando aí. O que si conseguín é gozar do traballo, que xa é algo moi complicado.
P- Consolidada actriz de cinema, teatro e televisión con case un centenar de obras ás túas costas. Que ten para ti de especial o teatro?
R- Para min é fundamental porque é un proceso creativo máis amplo. No teatro podes profundar moito sobre os personaxes, as historias, probas moitas cousas. Estás en directo e creces moito como actor porque profundas moito no que estás a contar e como o estás contando.
P- Sóbeste aos escenarios con Candela Pena. Como é traballar con ela?
R- Marabilloso. Porque nos entendemos á perfección sobre o escenario. Falamos o mesmo idioma traballando. Ter a esa tremenda actriz contigo é algo incrible.
P- Que se vai a atopar mañá a xente en Cangas?
R- É unha comedia negra na que case todos sentimos identificados. Trátase dunha obra que ten catorce escenas e imos vendo como se pasa da comedia ao horror. O mellor da función é o arco emocional que ten. A xente métese moito nela. Mesmo durante a representación escoitamos a xente falando, porque sente moi identificado con algunhas cousas que ve e escoita.