Patricia Vázquez: "O teatro foi o meu primeiro amor. E será o último"
“Unha pastilliña doce, picante e divertida”, iso é para Patricia Vázquez un pregón. E hoxe, 27 de xuño, a popular actriz galega será a encargada de inaugurar oficialmente a 41 Mostra de Teatro de Cangas. Con máis de trinta anos de experiencia no oficio, Patricia Vázquez empezou como actriz no Centro Dramático Galego. Traballou en compañías galegas como ‘Teatro da Lúa’, ‘Escola Dramática Galega’, ‘Teatro do Morcego’, ‘Redrum’ ou ‘Contraproduccións’. En 2023 recibió o premio Maruxa Villanueva de Interpretación polo seu traballo en ‘O Porco de pé’, que tivemos a oportunidade de ver en 2022 na MITCFC.
P- Que significa dar o pregón da Mostra de Cangas?
O que sentín pricipalemte foi alegría e unha idea fantástica para celebrar. Porque unha mostra teatro sempre é festa.
P- Os teus comezos están moi vencellados ao teatro. Cando e como xurdiu esta paixón?
A paixón sempre estivo aí, pero eu veño dunha familia traballadora e a primeira vez que dixen que quería ser actriz quixeron levarme ao psicólogo (risas). Xa con 26 ou 27 anos me presentei a un casting do Centro Dramático Galego e déronme o papel. Iso cambiou a miña vida. Pasei moitas noites sen durmir porque daquela eu xa traballaba e tiña que tomar unha decisión que non era fácil. Pero unha vez que subes a un escenario, xa non queres baixar.
P- Esa primeira vez foi tal e como tantas veces a soñaras?
A primeira vez é maxia pura. Ese son de escoitar o público detrás do telón, de como vai entrando a xente,... O vento que se sente ao abrir o telón. Esas experiencias son incribles.
P- Teatro, televisión, cine. Que tipo de actriz es?
De cine practicamente non fixen nada. Fixen máis televisión e fixen moito teatro. Foi o meu primero amor e vai ser o último. O teatro é inmediatez. É vida.
P- Es unha actriz esixente. Dixeches moitas veces que non?
Non podo (risas). Creo que dixen que non a un proxecto dúas veces na miña vida.
P- O feito de ser unha muller comprometida e sen pelos na lingua facilita ou dificulta…
Para que te vas cortar á hora de dicir o que pensas? A estas alturas da película xa todos sabemos onde estamos colocados. Se toso para dentro, acabaría cun cancro de algo. Eu son das que pensó que poñer caretas, só para interpretar algún papel ou no Entroido. Quizais tería máis oportunidades se tivera a boca máis calada, pero non nacín para iso.
P- O carreira dunha actriz é agora máis sinxela?
Agora hai máis oportunidades e posibilidades para chegar a facer carreira e formarte como actriz. Ao principio eu non tiña nin idea de que facer. Para min ir a Madrid era impensable e tiña que limitarme a facer algúns cursos. Hoxe en día hai máis oportunidades. E tamén máis tolerancias, desmitificando aquela vella idea de que as actrices eramos, imos dicilo claramente, putas. Agora xa non hai dúbida de que é un oficio. Unha carreira.
P- E ser actriz en galego?
Ese xa é outro tema. Ser actriz en galego significa subir ao andamio e estar picando en pedra toda a vida. E parace que nunca chegas ao fondo. Eu tiven a opción de irme traballar a Madrid e non me interesou. Moita xente non o entendeu nin o entende, pero para min é fundamental quedarme. Aquí seguimos sachando no fonema.
P-Cal é a tua relación coa Mostra?
Como usuaria vin algunha vez e, como participante, moitas máis veces. O rollo dos festivais de verán sempre dan alegría. Créase un ambiente único. A cidade está máis viva. É unha excitación de alegría.
P- Un desexo para esta 41 Mostra
Ogallá teatros cheos de xente nova.
P- E que pode facer o teatro pola xente nova?
Quen me dera sabelo! Iso sería como atopar a Pedra Roseta. Non é sinxelo chegar a entender a súa linguaxe, moito máis dixital, co streaming, plataformas,... Realmente estamos a anos luz. Pero eu confío en que o teatro non vai morrer nunca. Hai sitio para todo. Pero o certo é que temos que atopar unha linguaxe que nos permita comunicarnos coa xente máis nova.