Berta Ojea: “Tiña que facer o posible para traer a María Casares a Galicia e á súa lingua natal”
A traxectoria vital e artística da actriz María Casares (A Coruña, 1922- Alloue, Francia, 1996) centra a charla que ofreceu a actriz galega Berta Ojea en Cangas dentro da programación das XXIV Xornadas Mulleres en Acción. "Era unha intelectual enorme”, afirma Berta Ojea, que auspiciou a publicación na editorial Kalandraka do libro ‘A única, María Casares’, da autora francesa Anne Plantagenet, con tradución de Isabel Soto.
María Casares chegou a ser unha das actrices máis admiradas de Francia, triunfando no teatro e mais no cine baixo a dirección de destacados directores como Marcel Carné, Robert Bresson ou Jean Cocteau. Alén das relacións que mantivo co actor Gérard Philipe e co escritor e filósofo Albert Camus, foi unha muller libre, valente e perseverante. Esta biografía, que veu a luz co gallo do seu centenario, preserva a memoria dunha das grandes referencias do exilio. Trátase dun texto que conta a historia -dentro e fóra dos escenarios- dunha actriz recoñecida internacionalmente que nunca renunciou ás súas raíces galegas.
Berta Ojea coñeceu a María Casares en París no ano 1989 e a amizade entre ambas as dúas prolongouse durante moitos anos, compartindo longas conversas.
-Que ten esta biografía que non teñan outras?
Ten a María Casares. Nesta mirada de Anne Plantagenet atopei á persoa e á artista que eu coñecín. Esta biografía ten algo que non teñen as demais. Ten o seu alento, o seu ritmo. Ese ritmo que mostraba a súa forza. A forza coa que tragaba a vida, o tempo, a comida... Ademais, é unha biografía que se le como se fose unha novela. A primeira vez que a lin, comecei e non puiden parar ata acabala.
-Por que te involucraches na tradución ao galego deste libro?
Coincidindo co centenario do seu nacemento, participei na organización dun ciclo de conferencias con persoas que coñeceron persoalmente a María Casares. Para min era fundamental facerlle unha homenaxe na Coruña, onde naceu, e que estivese a xente que si a coñecera. Xa que María non puido volver a Galicia, quixen que dalgún xeito viñera. Ela non o fixo porque non tivo ningunha oferta para volver. Ela sempre dixo que só viría se viña a traballar. Foi así como lemos este libro, porque queríamos traer a unha biógrafa francesa. A Anne Plantagenet lle recoñezo moita valentía porque ser parisiense e escribir sobre María Casares non é -sinxelo. Alí todo o mundo a coñece. É todo un ídolo.
-E como chegou a idea do libro?
O destino tamén axudou un pouco. Eu falei co director da editorial Kalandraka para que lese a biografía e se animase a traducila ao galego. Nun primeiro momento dixo que non, argumentando que non había tempo, porque estabamos no verán e o libro tiña que estar listo en novembro. Cando o leu recoñeceu que era extraordinario, pero había outro problema. A tradutora estaba de vacacións. Aínda así llo mandaron e cando o leu dixo que empezaba xa. Era como se todo fluíse a favor. Como se a propia María estivese detrás para que saíra adiante. Ademais, o libro é tamén unha pequena vinganza pola miña parte. Tiña que traela a Galicia e á -súa lingua natal. Traer á xente que a coñeceu foi como facela volver. Sigo tendo moito empeño en que recoñezamos a María Casares como un gran talento galego. Porque ten unha vida apaixonante. É un referente de vida e é nosa.
-Lembras cando foi a primeira vez que escoitaches falar de María Casares?
A verdade é que non me acordo, pero si que na miña casa se falaba dela e eu sabía da súa existencia. Sabía que estaba en París, que era filla dun dos importantes da República e que triunfou en Francia. Souben máis dela cando fun a Barcelona. Alí tiñan máis admiración por ela e pola xente do teatro.
-E a primeira vez que a viches actuar?
Estaba en París eu facendo un curso de Música e fun vela ao teatro cunha obra de Luigi Pirandello. Despois, como boa groupie pedín para vela e saudala no camerino. Cando me veu e lle contei que tamén era da Coruña, cun enorme acento galego, espetoume “y qué haces tú aquí”. Mandoume sentar e díxome que se quería volver vela que buscase o seu nome na guía telefónica. Esa foi a miña primeira noite facendo un “Hamlet”: chamar ou non chamar (risas). Chamei e quedamos a tomar un café.
-E cal foi a primeira impresión que che causou ao coñecela?
Eu fun a vela como se fora a Lourdes ou a Fátima. Coa fe dunha crente que vai ver á súa santa. A primeira impresión foi moi forte. Foi algo incluso físico. Eu estaba soa, sentada na butaca para ver a obra de teatro. Botei o corpo cara diante e, cando apareceu, a súa presenza botoume para atrás. Era tal a forza que tiña enriba dun escenario que provocaba este efecto. Transmitía tanta enerxía que cando entraba a escena, xa traía con ela o personaxe que interpretaba. Vivía dentro dela moito antes de entrar en escena.
-Que papel tivo María Casares na túa decisión de ser actriz?
Un día estábamos falando de moitas cousas e fíxome unha pregunta. Se sabía tanto de teatro, do de España e do de fóra, se me gustaba tanto, non entendía por que, sen embargo, estaba estudando Música. “Deberías de pensártelo mejor”, díxome. E a partir de aí algo se abríu dentro de min. Foi un camiño sinxelo, como se a vida me levase. Coincidiu que tamén tiña unha amiga facendo un curso de interpretación e pediume que a acompañase. Cando o vin díxenme a min mesma que eu quería facer iso. Despois chamáronme para facer traballos musicais con algo de teatro. E xa apareceu o cine, que non tiña nin idea de como se facía.
-María Casares sempre quixo separar a súa profesión da controvertida figura política do seu pai, Santiago Casares Quiroga. Cres que pode ser esa a razón pola que nunca quixo volver a Galicia?
Ela sempre quixo volver, pero a traballar, non a recibir premios nin recoñecementos. Ela non estaba na pelexa da figura do seu pai. Sabía o que del se dicía, pero non lle facía moito caso. Ela cría que o seu pai non era un traidor. Para ela o verdadeiro exilio non foi a Francia, senón marchar de Galicia para Madrid cando tiña uns 9 anos. Do seu pai gardaba grandes recordos. Encantáballe contar como lle lía os libros de Valle Inclán, de García Lorca. Máis tarde, na relación con Albert Camus, este empezou a ser o elemento que para ela fora seu pai.
-Está a cultura galega en débeda con ela?
Si, totalmente. Está en débeda porque María viría traballar aquí se a tivesen chamado. Despois de morrer, creáronse os premios de teatro que levan o seu nome, pero antes ninguén pensou en traela cun traballo. Ela sempre dicía que a única maneira coa que podía vir era co teatro, que era a súa patria.