MITCFC Amadora
Como xa é habitual, a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) reserva cada ano na súa programación un espazo para o teatro afeccionado. Nesta edición, a ‘MITCFC Amadora’ estivo concentrada no día 1 de xullo. Durante toda a tarde do luns, representáronse varios espectáculos de compañías non profesionais de teatro de toda Galicia. ‘Furafollas Teatro’, a Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA), ‘LuzAzul’ e a Escola de Teatro de Cangas foron os protagonistas.
As actuacións arrancaron nun dos espazos de rúa co espectáculo ‘La blanca Nieves’, da agrupación de teatro afeccionado Furafollas, inmersa no centro de rehabilitación psicosocial e laboral da Asociación Doa Saúde Mental, en Cangas. Coa súa actividade, ademais de divertir ao público, pretende dar visibilidade ao colectivo de persoas con enfermidade mental severa e contribuír á eliminación do estigma.
O espectáculo traballa na liña de mesturar dous contos clásicos: "Blancanieves” e “Cenicienta". Nieves, filla albina nunha familia proletaria negra, é escrava das súas irmáns, que a única motivación que teñen na súas vidas é divertirse.
Posteriormente, representáronse, no mesmo lugar, tres pezas de microteatro con diversos contidos e estilos teatrais para amosar o traballo realizado polos grupos da Fegatea, composta na actualidade por 57 agrupacións teatrais representativas das catro provincias galegas. Esta federación constitúe hoxe en día a maior estrutura teatral organizada.
Outro dos espectáculos que se puideron ver, neste caso na Sala de Exposicións do Auditorio municipal, foi a estrea de ‘Selva’, do colectivo LuzAzul, un grupo de diversidade funcional apoiado polo concello de Cangas. Arredor de 15 persoas, de entre 18 e 60 anos, representaron unha mostra do traballo realizado durante todo o ano. Maite Campos, pedagoga de Educación Especial especializada en técnicas creativas, coordina, xunto con Alberto Casqueiro, o colectivo LuzAzul. Sobre o espectáculo destaca que se trata dun traballo “grupal froito da investigación que xuntos facemos”.
Esta ano a idea naceu do libro ‘O libro da selva’, pero dándolle unha volta á narración e reflexionando sobre como é a vida na xungla de asfalto, en referencia ás cidades. A proposta que traballan “tenos que gustar a todos”, explica Maite Campos, recalcando que se ten moito respecto polas opinións dos membros do colectivo. Pero nesta aventura, non están sós. Por fortuna, contan coa colaboración, por exemplo, do IES Monte Carrasco, onde gravaron algunhas das voces da obra. Ou do Xosel Díaz e Helena Varela, do colectivo multidisciplinar de artistas Cinema Sticado, que colaboran na proxección das imaxes.
“Traballamos desde as capacidades sen esquecernos dos límites”, asegura a coordinadora de LuzAzul. Aclara que é fundamental potenciar ao máximo as capacidades de cada persoa. “Eu estou desde fóra. Son como o seu espello. Propoño a investigación, pero o camiño xa o buscan eles”, engade.
Durante todo o curso, o colectivo reuniuse dúas horas semanais na mesma Sala de Exposición do Auditorio na que representaron o espectáculo. Despois da estrealo na Mostra, levarase por espazos alternativos, como centros de maiores, institutos e colexios.
Como a propia coordinadora destaca, estes actores e actrices amadores “non teñen nervios, só se senten moi emocionados”. Maite destaca que están felices “porque é un regalo que fan. Non son actores e actrices, senón que utilizan a ferramenta do teatro para pasalo ben e dar visibilidade ao que fan”.
A MITCFC Amadora finalizou coa representación, no vestíbulo do Auditorio, dunha pequena mostra do traballo realizado durante o ano no curso de Formación Teatral da Escola de Teatro de Cangas. A peza, titulada ‘Funámbulos’ e duns 10 minutos de duración, está inspirada nun texto do libro ‘El funambulista’, do novelista e dramaturgo francés Jean Genet- (París, 1910-1986).
Ese mesmo día, aínda que xa fóra da MITCFC Amadora, a Escola de Teatro de Cangas presentou no Auditorio a obra 'Animaliños', que conta a historia da comunidade de veciños dunha urbanización que ve con asombro como unha praga de caracois amenaza con acabar cos seus xardíns. Xuntos, deciden loitar con uñas e dentes contra eles, mentres van aflorando os distintos conflictos persoais que teñen nas súas vidas.