O traballo corporal como base principal do teatro
David Roldán Oru e José Luis Montiel impartiron estes días o obradoiro ‘O corpo escénico. Taller intensivo de máscaras pedagóxicas’. Ao longo de tres días, estes dous ‘actores do físico’, como eles mesmos se definen, traballaron cun grupo de 15 persoas para facerlles entender a primacía da xestualidade corporal sobre a expresión verbal, priorizando a linguaxe non verbal e física sobre a palabra.
‘O corpo escénico’ é un curso intensivo no que se abordan diferentes técnicas de interpretación e creación escénica dende o traballo corporal. Esta formación teatral está baseada na improvisación, na práctica e no estudo da acción interpretativa. Durante o curso, os participantes traballarán a máscara como estilo e como recurso teatral, complementando os diferentes aspectos da formación integral do actor. Realizaranse exercicios enfocados a adquirir un “corpo dispoñible para a escena”.
David Roldán e José Luis Montiel cualifican a experiencia de “marabillosa e estupenda”. Ambos os dous destacan que se trata dun grupo de persoas “con moitísimas ganas e entusiasmo” cos que facer un traballo pedagóxico que ten o corpo como base principal. “Non é unha técnica que vén desde o intelecto, senón unha técnica corporal”, explica Roldán.
José Luis Montiel conta que, como actores de teatro físico, “defendemos o corpo, que é o gran abandonado do teatro e da nosa sociedade sedentaria e intelectual”. O actor quere apostar por rescatar as emocións mediante a expresión física y corporal, que é polo que a máscara sirve como ferramenta para potenciar a xestualidade e o traballo físico”. No taller, elaboran varios tipos de da máscaras: neutra, larvaria, de carácter, media máscara e máscara do clown.
‘Redes’, teatro xestual ao máximo nivel
José Luis Montiel está por partida doble na Mostra. Ademais de impartir o curso ‘O corpo escénico’ actúa na obra ‘Redes’, que se representará o venres 5 de xullo no Auditorio. ‘Redes’ é unha obra onde se traballan diferentes disciplinas, como a máscara, os monicreques e a pantomima. Un exercicio de teatro xestual ao máximo nivel da compañía ‘Las ansiadas producciones’.
Como explica o propio Montiel “é unha obra peculiar porque é unha representación sen palabras, algo que en España non se acostuma a facer”. O nome fai referencia ás redes, aos fíos “que nos manexan aos seres humanos e nos manipulan para levarnos a diferentes lugares e situación”, comenta. O actor engade que “todos intentamos saír deses fíos” pero “para saber se o conseguimos ou non haberá que ver a obra”, comenta divertido.
A obra chega a Galicia grazas á Mostra de Cangas, aínda que xa se estrenou en 2021. “Cada vez que a representamos mellora e vai crecendo, encontrándolle o seu ritmo”, afirma José Luis Montiel. Trátase dunha proposta sobre o modo no que estamos conectados os humanos, unha temática coa que, segundo o actor, “todo el mundo se sinte representado”.