• Inicio
  • A Mostra
  • Actualidade
  • Gabriela Muñoz: “Cando encontrei o clown, foi como chegar á casa”
FOTO PEDRO LOLLETT

Gabriela Muñoz: “Cando encontrei o clown, foi como chegar á casa”

Gabriela Muñoz é unha artista todoterreo que atopou no clown a forma do seu zapato. Coa súa compañía Chula The Clown leva anos entretendo a público dos cinco continentes. Hoxe estrea a Cangas ‘Perhaps, perhaps… quizais’, un espectáculo creado en 2010 e co que xa percorreu medio mundo: Alemaña, Australia, Bélxica, Brasil, Círculo Ártico, China, Colombia, España, EUA, Finlandia, Francia, Xeorxia, Gran Bretaña , Italia, Lituania, México, Nova Zelandia, República Checa, Romanía, e Suecia.

Gabriela Muñoz é unha muller enérxica e divertida cunha contaxiosa paixón polo seu traballo, que a converteu nunha celebridade. Actualmente vive en Finlandia, pero cando sae a facer “traballo de campo” dun espectáculo, nada mellor que voar ata a súa terra natal, México. ‘Chula the clown’ poñerá o broche final a esta 41 edición da Mostra de Teatro.

P- Como te sentiches ao recibir a invitación de actuar neste festival?

Empezamos a falalo xa desde fai como un ano e medio. María Armesto [directora artística da Mostra] contactou comigo despois de ver algunhas cousas miñas. Platicamos de varios proxectos que teño e cremos que o máis viable para Cangas era ‘Perhaps’ por tratarse dun proxecto unipersoal que levo presentando desde hai 14 anos.

P- Como nace ‘Chula the Clown’?

Aínda que Greta é o nome do personaxe que interpreto, agora xa case todo o mundo me coñece por Chula, que empezou sendo o meu nome en redes sociais e que agora xa é como a miña alter ego. O personaxe empeceino a crear con imaxes dun momento moi particular na miña vida. É un personaxe algo decadente e fantasmagórico.

P- Cal foi a súa progresión?

Con Chula deime conta de que podía tocar a realidade e a fantasía. Aínda que o personaxe pensa que habita noutra época, está moi claro que estamos a falar de algo actual. Empecei a exploralo a través da imaxe. Moito do traballo que fago ten que ver coa narrativa visual. Axúdame a contar o que quero transmitir. E así xurdiu Chula, como un intento de explorar ese mundo visual. Ao principio, eu só quería facer fotografías. Non tiña nin idea de que ía ser un espectáculo que ía rodar desta maneira.

P- Que ten ‘Perhaps’ para aguantar 14 anos en escea?

É un tema cliché co que todo o mundo se relaciona. Algo moi accesible. Ten que ver coa linguaxe da ‘payasería’, do clown, que rompe con fronteiras ou límites de idioma, relixión, … É accesible para todo o mundo e onde sexa. Durante o espectáculo non falo. E é nese silencio onde tento afastarme moito da miña propia interpretación do amor para, simplemente, amar nese momento. Todo o mundo pode recoñecerse amando e sendo amado nalgún momento da súa vida.

P- Como é o público que ve o teu espectáculo?

No meu público cabe todo o mundo. Non hai ningún problema se hai nenos, pero tento afastarme do estereotipo infantil. Non é unha obra para nada ofensiva para eles e seguramente poidan seguir a narrativa, pero hai unha montaña rusa de emocións con momentos máis reflexivos, oníricos e mesmo máis tristes, que un neno igual non vai entender. Normalmente aconsélloo para persoas maiores de 12 anos. Ao principio, como a protagonista é unha noiva vestida como merengue, o meu público era moi feminino, pero pronto empezou a diversificarse. Agora xa non é cousa de ningún xénero. Trátase dun encontro co amor propio, e todos os humanos estamos nesa procura.

P- Aguantou ben o espectáculo o paso dos anos?

Trata dun tema atemporal, pero ao longo destes 14 anos tiven que ir dándolle algúns matices, porque o meu punto de vista ía cambiando. Vou adaptándoo ao meu momento e ao momento en xeral. Culturalmente, moitas cousas rompéronse. Moitos paradigmas e tabús caeron. O tema da inclusión, por exemplo, é fundamental, e quixen entretecelo no espectáculo. Non quero tecelo para facer check de cousas das que teño que falar porque ese non é o meu estilo, pero hai temas que me interesan e sobre os que fixen algunha reflexión.

P- O personaxe de Chula, log, foi medrando contigo…

Si, foise adaptando. En realidade, é unha extensión de quen son eu. Sinto que cada vez a coñezo mellor e coñézome mellor a min mesma a través dela. Hai cousas que como persoa social e con conciencia social non digo ou fago. Con todo, sinto que co meu alter ego ese filtro non existe. Teño moita liberdade para experimentar a vida desde outro lugar.

P- O teu co teatro é vocación desde nena?

En realidade, non. É agora de adulta cando todo cobra verdadeiramente sentido.

P- Como era esa nena?

Tiven unha infancia fermosa cuns pais moi amorosos. Nesa etapa, creaba personaxes que alimentaron moito a miña mente, o meu corazón e as miñas contradicións e anomalías. E os meus pais sempre me escoitaban. De nena, con 6 anos, inventeime que tiña unha familia en China. E os meus pais alimentaban ese universo. Un día chorei moito porque o meu pai chinés morrera. Preguntáronme como me decatara e conteilles que me chegara a noticia por carta. Tiven que escribir esa carta para facelo real. Mesmo lle fixemos un funeral... Iso ten moito que ver co meu universo lúdico e o meu poder de imaxinar.

P- Pensou inicialmente en estudar algo relacionado coa interpretación?

Entrei á Universidade para estudar Letras Hispánicas. Non cheguei a terminar. Nese tempo, tiven un mestre marabilloso que me animou a facer teatro porque el vía algo na miña forma de expresarme, nas cousas que escribía.... Empecei e encantoume. E como eu non sei facer as cousas a medias, díxenme, “ah, bo, pois voume a Londres a formarme”. E alá me fun á casa dun curmán. “Se non me aceptan, regreso a México”, dicíame. Na última audición colléronme e aí me quedei.

P- Como foron os inicios?

Empecei a facer teatro clásico, pero sentía que non era por aí. Moitas cousas do meu camiño teñen que ver coa intuición. Sabía que xa estaba moi preto, pero iso aínda non era o meu. Cambieime a facer teatro musical. Sentíame máis no meu corpo, pero aínda non era. Entón, atopeime co teatro físico e coas máscaras. Topeime co clown e todo cambiou. Foi como chegar á casa. Todos os meus receos, as miñas contradicións, as fantasías que os meus pais alimentaran, … todo cobraba sentido. Lembro sentir “esta é a miña tribo”.

FOTOS. David Ruano e Chula

Contacta coa MITCFC

Auditorio Municipal de Cangas
Avenida de Lugo, 36940 Cangas, Pontevedra

Tel.: +34 986 30 41 08
Descargar información como: vCard

Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
© MITCFC. Todos os dereitos reservados.
Deseño: Diego Seixo.