Gabriela Muñoz gaña o Premio do Público coa obra de clown ‘Perhaps, perhaps... quizás’
A artista Gabriela Muñoz gañou o Premio do Público da 41 Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas con ‘Perhaps, perhaps... quizás’, un espectáculo de clown, creado en 2010, que xoga coa idea da espera, da ilusión por atopar á parella “perfecta” e da soidade a que isto nos leva. Cunha traxectoria internacional destacada, a obra xa cautivou á audiencia en más de vinte países, incluíndo Alemaña, Estados Unidos, Australia e Nova Zelandia.
Gabriela Muñoz, cunha inigualable habilidade, en ‘Perhaps, perhaps.. quizás’, consegue transportar ao público a un universo máxico mediante unha combinación excepcional de performance e narrativa visual. En 2020 crea a compañía ‘Chula the Clown’, froito dun proxecto editorial fotográfico que leva o mesmo nome. Trátase dunha artista polifacética e xenuína con experiencia en teatro, circo e ópera. Inspirada por estas tres linguaxes, crea o seu propio universo.
Gabriela Muñoz asegura que a noticia deste premio foi para ela “moi sorpresiva e emocionante”. Para a artista, “foi todo como un soño” pola rapidez na que ocorreron as cousas en tan pouco tempo, de feito, este recoñecemento comunicóuselle pouco tempo despois da súa actuación, que pechou a programación desta edición da Mostra Internacional. “Coñecín a xente fermosa, comín delicioso e xoguei cun público cálido y xeneroso”, comentou, para finalizar asegurando que “foi, sen dúbida, unha noite máxica. Sentinme moi conectada con Cangas”.
No prestixioso festival Fringe de Nova Zelandia, foi merecedora dos premios á mellor actuación e mellor obra en 2016, consolidando así a súa reputación como unha produción de excelencia e resonancia global. Ademais, recibiu a medalla ao Mérito Internacional por Promoción Cultural por parte do Congreso da CDMX. Por último, foi nominada aos ‘Premios Ciudad de México’ na categoría Actividade Escénica. Gabriela Muñoz, ademais, colaborou con artistas como a directora de orquestra Alondra de la Parra, a compositora, cantante e actriz, Natalia Lafourcade e o fotógrafo, Joel Peter Witkin.