Queda inaugurada a 42 Mostra!

A 42 edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas arrancou co respaldo unánime e as loubanzas das administracións que colaboran co evento.
Por unha banda, Jorge Cubela, deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, falou da importancia de “poñer en valor este tipo de festas que axudan a facer máis grandes os nosos pobos e as nosas vilas”.
Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), afirmou que a MITCFC “é unha das citas máis importantes do verán cultural galego” e destacou o seu “compromiso activo coa causa da igualdade e a xustiza social”.
Por parte do Concello de Cangas, a edila de Cultura, Aurora Prieto, resaltou o “talento e a maxia” dos espectáculos que se amosa nesta 42 edición da Mostra, así como a variedade de propostas de Mulleres en Acción, que este ano chega á súa 25 edición.
Despois das intervencións dos representantes políticos, a directora artística da Mostra, María Armesto, entregou o premio Mulleres en Acción á compositora, instrumentista e cantora de “creatividade excepcional” Mercedes Peón “en recoñecemento á súa extraordinaria traxectoria profesional, artística, pedagóxica, de investigación e social”. Peón comezou hai xa 25 anos a realizar un formidable labor de investigación e divulgación que visibilizou ás pandeireteiras, mulleres esenciais no desenvolvemento da riqueza musical e cultural do país. Na actualidade, está liderando o proxecto Somos Pandeireteiras.
Mercedes Peón falou na súa intervención das “tocadoras”. “Cando se fala de sororidade, isto ven de vello. Ven de lonxe. As nosas tocadoras das aldeas xa tiñan esa emoción, ese sentimento. Non lle poñían o nome, pero poñémolo nosoutras”, engadiu. Mercedes Peón quixo, deste xeito, compartir o premio “con todas as miñas compañeiriñas leais”.
Tras o galardón de Mulleres en Acción foi a quenda das pregoeiras, As Fillas Bravas, personaxes dunha obra de grupo Chévere interpretada por Patricia de Lorenzo, Mónica García e Arantza Villar. As actrices falaron do seu forte vínculo con Cangas ao lembrar que a primeira vez que levaron a escena esta obra foi na Mostra do ano 2014, no marco das Xornadas Mulleres en Acción. As Fillas Bravas, ademais de facer rir coas súas ocorrentes historias, tamén tiveron o momento reivindicativo da noite ao dicir que era motivo de orgullo que Cangas fora coñecido polo teatro e non por ser o lugar onde se vai instalar unha macrocelulosa, en referencia a Altri. O público recibiu estas palabras con aplausos e o berro de “Altri, non!” resoou en todo o patio de butacas.