• Inicio
  • A Mostra
  • Actualidade
  • María Salgueiro, Cándido Pazó e Antía Cal, os nomes propios da Mostra

María Salgueiro, Cándido Pazó e Antía Cal, os nomes propios da Mostra

A 34 edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) arrancará o vindeiro 30 de xuño co pregón da actriz María Salgueiro. Natural de Moaña, Salgueiro é especialmente coñecida polos seus traballos na Televisión de Galicia: ‘A vida por diante’ (nominada aos Premios Mestre Mateo polo seu papel de Renata), ‘Os Atlánticos’, ‘Escoba’ ou ‘Serramoura’. Ademais, participou nas series ‘El comisario’ e ‘Vis a vis’.

Outras das personalidades do mundo do espectáculo que terá un protagonismo especial nesta edición da Mostra canguesa é Cándido Pazó. O director, autor teatral, actor e narrador oral recibirá o premio Xiria ao Labor Teatral dentro da 34 edición da MITCFC. Pazó, nacido en Vigo, foi o benxamín da xente de teatro que xurdiu ou que se deu a coñecer arredor das históricas Mostras de Ribadavia.

Cándido Pazó ten dirixido ou escrito para compañías como Teatro do Malbarate, Teatro do Noroeste, o Centro Dramático Galego, Teatro de Adro, Teatro do Atlántico, Teatro de Ningures, A Escola da Noite de Coimbra ou Canadayr Théâtre de Bruxelas. Ademais, colabora nas súas funcións de autor ou director, con Talía Teatro e Títeres Tanxarina. Pazó foi fundador, así como director de escena e autor títular, de compañías como Tranvía Teatro, Ollomoltranvía, Abrapalabra e, na actualidade, Contraproducións.  No ano 2000 foi parte dos autores escollidos na Maratón Europea da Creación Teatral celebrada en Bruxelas pola súa Capitalidade Europea da Cultura.

Como autor ou como director, ou as dúas cousas a un tempo, ten estreadas numerosas pezas, entre as que destacan: O Melro Branco (Premio Xeración Nós de Teatro Infantil en 1989) Commedia, un xoguete para Goldoni (Premio Compostela en 1993, Premio de la Crítica del País Valenciano en 1994 e Premio da Asociación Independente de Teatro de Alicante en 1995), Nano (Premio María Casares á Mellor Dirección e Premio María Casares á Mellor Adaptación, partillado, en 1999), O bululú do linier (Premio María Casares ao Mellor Texto Orixinal no 2000), Ñiqui-Ñaque (Premio Max ao Mellor Texto Orixinal en Galego en 2002), Bicos con Lingua, con outros autores (Premio María Casares ao Mellor Texto Orixinal en 2004), García (Premio María Casares ao Mellor Texto Orixinal en 2005), Emigrados, con outros autores (Premio Max ao Mellor Texto Orixinal en Galego en 2008), A piragua (Premio María Casares ao Mellor Texto Orixinal en 2008), As do Peixe (Premio María Casares ao Mellor Texto Orixinal en 2014), A casa do avó (Premio María Casares ao Mellor Espectáculo Infantil en 2015), O tolleito de Inishmaan  (Premio María Casares á Mellor Adaptación en 2017) ou Memorias dun neno labrego, espectáculo unipersoal estreado en 2011, no que é tamén actor, e que leva máis de 170 funcións a día de hoxe, continuando en cartel na actualidade.

 

Pazó foi profesor visitante na Escola de Música e Artes do Espectáculo do Porto do 2000 ao 2008. Ademais, desde 1997 é narrador oral, estando presente en numerosas programacións de contos e monólogos cómicos de Europa, África e América Latina.

Cunha vida profesional e creativa centrada basicamente no ámbito das artes escénicas, a súa presenza no audiovisual concrétase en pequenas e esporádicas participacións como actor en cine e televisión ou como guionista en series como Pratos Combinados ou Mareas Vivas. Como recoñecemento á súa traxectoria no ano 2014 recibiu o Premio de Honra da Mostra Internacional de Ribadavia (Premio “Roberto Vidal Bolaño”) e o Premio da Cultura Galega no apartado de Artes Escénicas.

Antía Cal

Antía Cal será outra das galardoadas este ano. A mestra recibirá o Premio Mulleres en Acción en recoñecemento ao seu labor pedagóxico, cultural e vital a favor dunha sociedade máis libre, culta e igualitaria e pola súa determinación e valentía para fundar a Escola Rosalía de Castro, un centro de referencia pedagóxica e de igualdade en Galicia. Antía Cal recollerá o premio o día de peche das xornadas, onde tamén se proxectará o documental de Miguel Piñeiro ‘A palabra xusta’ no que se conta a súa experiencia vital e profesional.

Antía Cal nace en La Habana o 18 de abril de 1923. Nove anos despois, regresa a Galicia coa súa familia. Entre 1940 e 1945, en plena Segunda Guerra Mundial. estuda Comercio, Maxisterio e Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela. Unha das súas primeiras obras  como mestra é unha enciclopedia que escribe en galego para nenos. Corría o ano 1954 e a obra foi merecedora dun premio en Caracas. Sen embargo, a enciclopedia nunha chega a editarse. Catro a nos despois, escribe un libro de arte, tamén en galego, para alumnos de Primaria que permanece inédito.

Xa na década dos 60, en 1961, nun garaxe de Vigo abre as portas do que se había converter nun referente de renovación pedagóxica: a Escola Rosalía de Castro. O colexio instálase un ano despois xa na que será a súa sede da rúa Gran Vía de Vigo. O número de alumnos da súa escola aumenta moito e ten que abandonar a súa sede da Gran Vía para abrir nas instalacións que aínda ocupa hoxe. Unha cooperativa de pais merca o colexio e faise cargo da xestión. Antía Cal xubílase no ano 1988. En 2006, publícase a súa autobiografía “Este camiño que fixemos xuntos”, na editorial Galaxia. 

PREMIOS E DISTINCIÓNS

Ademais do premio que este ano lle concede a Mostra, en 2016, o concello de Muras (Lugo), de donde é a súa familia, noméaa filla adoptivaAdemais, a Consellería de Educación dálle o seu nome ao Colexio de Muras a petición de pais, veciños e corporación municipal. Antía Cal recibiu outros premios como o Premio Trasalba . Fundación Otero Pedrayo (2012), Premio Chairega de Honra (2011, Vilalba, Lugo), Premio Viguesa Distinguida (2011) e o Premio Pedrón de Ouro (2004, Padrón, A Coruña).

 

Contacta coa MITCFC

Auditorio Municipal de Cangas
Avenida de Lugo, 36940 Cangas, Pontevedra

Tel.: +34 986 30 41 08
Descargar información como: vCard

Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
© MITCFC. Todos os dereitos reservados.
Deseño: Diego Seixo.