• Inicio
  • A Mostra
  • Actualidade
  • Susana Rey: "Os emoticóns e toda a caligrafía das redes son unha nova linguaxe universal e está a mudar as nosas vidas"

Susana Rey: "Os emoticóns e toda a caligrafía das redes son unha nova linguaxe universal e está a mudar as nosas vidas"

Cada ano, o cartaz da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas é unha dos segredos mellor gardados. Susana Rey foi a artista elixida para realizar a imaxe corporativa da MITCFC desta 34 edición. Susana Rey, doutorada en Belas Artes, é guionista e realizadora audiovisual con sete premios nacionais e internacionais. Os seus traballos fílmicos exhibíronse en festivais de cine e centros de diversos países. Traballou no equipo de arte de longametraxes coma Los lunes al sol, de Fernando León de Aranoa, A los que aman, de Isabel Coixet; ou Cuando vuelvas a mi lado, de Gracia Querejeta. Ademais, foi seleccionada para realizar varios proxectos de escultura en espazos públicos e subvencionada pola EICTV de Cuba e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia para realizar estudos na Escola de Cine de La Habana. Ten varias publicacións de investigación no campo da arte, colabora en prensa e é autora e ilustradora do libro-disco Martiño e o mar e compositora dos seus sete temas musicais. Impartiu clases de Arte e Tecnoloxía no Instituto Español de Lisboa, en Portugal, e na Escola Superior de Deseño de Orihuela; tamén desenvolveu talleres, relatorios e master classes en distintas universidades e foros.

-Cal é a túa vinculación con Cangas e co teatro?

-Hai xa moitos anos que veño por esta vila. Aquí, na zona do Morrazo, teño lazos familiares, bos amigos, a paisaxe, o mar… Pero concretamente co teatro que se fai en Cangas, aínda que coñezo ás persoas que o dinamizan, non tivera a oportunidade de traballar.

-A túa carreira profesional está fortemente vinculada ao audiovisual. É a primeira vez que te achegas ao mundo do teatro?

Traballei en equipos de arte en algunhas producións de longametraxes cun alto orzamento, no marco do que é o audiovisual no estado español.  En certo momento, decidín facer as miñas propias pezas audiovisuais moito máis –digamos- sostibles e modestas, claro. No teatro tiven unicamente dous achegamentos. O primeiro, moi satisfactorio, a partir da pintura. No 2000 fixen tres cadros de gran formato para a escenografía de 'Decorcheas', unha obra dirixida por María Armesto. A segunda non foi unha experiencia tan construtiva pero si didáctica: deseñei unha  escenografía  para  'Expostas', de Inversa Teatro, aportando as miñas ideas e traxectoria, e cando conseguimos a subvención do AGADIC, a produtora da peza deixoume fóra da montaxe … De todo se  aprende. Son estas cousas que ten a arte e a vida… En concreto, no  teatro sempre pode haber alguén trepando pola cuarta parede… (risas).

-Que significou a nivel persoal e profesional o encargo da organización da MITCFC?

Pois, precisamente, poder aportar algo a un evento con tanta solidez como é unha Mostra Internacional que leva xa trinta e catro anos funcionando con éxito, é algo que interesa a calquera que traballe coas ideas e a imaxe. Por outra banda, non quero deixar pasar a oportunidade de facer unha chamada de atención sobre a necesidade de que eventos como este perduren. Unha vez son apoiados e esperados polo público, como é o caso da Mostra de Cangas, que o sexan tamén polas administracións. Visto dende a óptica da comunidade, do espazo público, a arte, a ciencia e a tecnoloxía, e no caso concreto de Cangas, os deportes relacionados co mar, son os que poden colocar unha vila como Cangas no mapa do mundo.

-Como definirías o teu traballo?

Se teño que definirme, sería 'creativo', mellor que 'creadora', que é unha palabra un pouco desubicada… Diría que o que mellor me define é  'transformadora'. A Arte é unha forma de mirar o mundo e a mirada ten unha certa capacidade para transformalo. 

Xustamente o teatro é o espazo onde converxen todas as artes. E eu entendo as artes como fillas dunha mesma nai. Sempre dou prioridade á idea, e logo busco a forma. Se a forma é un cadro, un poema, un son ou un documental, póñome a facelo. Non creo nas fronteiras entre as disciplinas, outra cousa é que tes momentos máis inspirados e outros mais planos… claro.

 

-En que te inspiraches á hora de deseñar a imaxe e o cartaz deste ano?

Supoño que o principal foi misturar na imaxe a idea do clásico e do moderno. Penso que o teatro sempre se situou, con moita sabedoría, no centro da tensión entre estes dous conceptos. Por un lado,  a composición central e o encadre creo que invitan a asentar a solidez do teatro. A isto axuda a base clásica e sobria das engurras do fondo, a tipografía  e o uso da fotografía realista (mans de muller suxeitando o cartel…). Polo outro, a idea dun cartel dentro do cartel é xa máis moderna e o protagonismo das iconas aportan o aspecto máis contemporáneo.

Quería facer unha imaxe actual, lixeira e, até certo punto, divertida. No teatro enfróntanse a comedia e o drama. Os emoticóns, e toda esta caligrafía das redes, son unha nova linguaxe universal e está a mudar as nosas vidas. Teñen unha capacidade de síntese enormes porque condensan palabras, frases, ideas ou sentimentos nunha soa imaxe simplísima e rotunda. Levar unha chiscadela desta escritura global ao terreo do teatro é pertinente.

 -Que foi o máis difícil á hora de decidirte?

Ademais do cartel, fixen o deseño das camisetas, que prescinden da idea do cartel dentro do cartel, e tamén unha video-tarxeta animada para que circule polas redes e achegue o evento á xente. O máis difícil é partir do mesmo concepto e encontrar unha forma para cada cousa. Porque non é o mesmo deseñar un cartel, que unha camiseta ou un produto audiovisual.

 -Que buscas transmitir?

O obxectivo é dar un pouco co espírito do teatro e da Mostra. Este é un evento de teatro cómico e festivo e quería aportar “chispa”, dinamismo, lograr algo atractivo e tamén contundente, porque a miña personalidade lévame normalmente lonxe do suave… Pero fundamentalmente, como dicía ao principio da entrevista, quería equilibrar as forzas entre a contemporaneidade e o clásico. Se o conseguín ou non, iso xa é traballo para o público.

Contacta coa MITCFC

Auditorio Municipal de Cangas
Avenida de Lugo, 36940 Cangas, Pontevedra

Tel.: +34 986 30 41 08
Descargar información como: vCard

Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
© MITCFC. Todos os dereitos reservados.
Deseño: Diego Seixo.