O baleiro das palabras [CRÍTICA DE "BARBADOS EN 2022"]

Cando estamos a aprender a falar sentimos que nos faltan os vocábulos para nomear toda a realidade que nos arrodea, e a medida que pasa o tempo e a vida se volve máis complexa parece que nos acaban sobrando as palabras. "Barbados en 2022", de Teatro Kamikaze, é unha peza que se ancora no texto e nas posibilidades do discurso para nomear e renomear, ou mesmo para crear, unha realidade, e que fai reflexionar arredor desas cuestións. Trátase dun traballo escénico con dramaturxia e dirección de Pablo Remón na que este fai unha revisión dunha das súas pezas anteriores, Barbados, etcétera, logo dun proceso de reescritura, nunha posta en escena interpretada tamén por Fernanda Orazi e Emilio Tomé.
Atopámonos ante un espazo practicamente baleiro. Un círculo ou elipse no chan que o acouta, unha liña de focos pousada no chan en diagonal, unha pantalla branca suspendida no ar; creando un espazo árido e bastante aséptico que se podería transformar de múltiples xeitos, aínda que non o fará ao longo da obra. A pantalla branca pode remitir á imaxe dun portal que leva a outra realidade ou a unha gran pantalla de luz que ilumina os espécimes que se atopan debaixo. E quen son eses espécimes? Unha parella á que o actor e a actriz nos van achegando, nun continuo xogo de distanciamento e simulacro, así como de “escritura” e “reescritura” da súa historia. Lánzannos un fío e cando collemos a febra e comezamos a tirar dela, soltan o fío e guíndannos outro, para que fagamos un bosquexo da súa realidade. Hai un ton paródico na narración e no simulacro que desenvolven a actriz e o actor e que se reforza precisamente ao acrecentaren o cariz dramático do que contan, que non deixan de ser as miserias desa parella que ten trazos cos que a espectadora pode conectar, persoalmente ou por referentes próximos, aínda que non o faga de todo con eses personaxes que nos cosen e descosen.
Ese ton xera un certo patetismo nas accións vocais e xestuais, que contrasta cos momentos en que rompen co código, deixan agromar a violencia e queiman aquilo que veñen de dicir, ou aqueles en que xorde a verdade por debaixo da intensidade paródica, que vai prendendo tamén ata arder, algo que consegue dun xeito impresionante Fernanda Orazi. Non hai case movemento na escena, só a palabra arma e guía todo, pero para que a palabra latexe coa intensidade que ela lle dá, todo o seu corpo por dentro está en movemento, en acción, deixando que o texto vibre e saia, debuxando curvas, manténdose no ar, medrando, esvaecéndose ou batendo sen aviso previo. Emilio Tomé conecta con esa verdade ao comezo da peza, cando se dirixe ao público dende o punto de vista dun pequeno dun ano e medio de idade, aínda que non o imite, e despois compleméntase con Fernanda no proceso de guiar, alterar e deter a confección do tapiz ficcional do que nos van contando, xerando contrastes moi interesantes.
Están de máis as palabras. Que é o necesario na vida? Falta o contacto físico? É isto o que nos quere dicir a actriz nese vertixinoso monólogo final? O actor indica que rematou a obra. Chega por fin o silencio, antes de volver encherse cun forte son de aplausos. Marcho coa sensación de baleiro. Sinto o oco das voces e a sombra dese patetismo existencial que axexa nos corredores de calquera cadea comercial.