Skip to main content

A descuberta dos sentidos [CRÍTICA DE "LUBBERT"]

  • Ana Abad de Larriva
  • Noticias

Un prototipo humano creado por Deus antes de dar vida a Adán e a Eva. Un primeiro modelo da nosa especie, un ser moi peculiar que descobre e nos achega a unha sorte de Paraíso, inspirado no "Xardín das delicias" do pintor neerlandés O Bosco, protagoniza "Lubbert", de Inda Pereda; unha peza de teatro xestual que formou parte da programación da MITCFC o pasado domingo. Ese primeiro “borrador”, que ten o mesmo nome có espectáculo, vólvese curioso, irreverente e simpático, en función das situacións que vai creando e polas que nos vai levando.

Atopámonos ante unha peza maioritariamente xestual. Non o é plenamente porque, a pesar de que non hai texto falado como tal, agás a voz en off que abre a función e que nos presenta o personaxe, a emisión vocal do actor é moi importante. Onomatopeas, palabras inventadas e interxeccións e vocábulos soltos concretos sosteñen e complementan a expresión do actor. Non hai elementos escenográficos. Todos os obxectos e seres cos que se atopa son mimados por el mesmo, agás o seu propio vestiario, uns papeliños, e as persoas espectadoras, coas que se relaciona ao longo da peza de xeito global e individual.

O actor é quen de empregar os elementos do teatro xestual, do mimo e da pantomima para crear numerosas situacións, sempre cunha abordaxe lúdica e cómica, e cunha técnica depurada, fluída, e, ao mesmo tempo, persoal. Consegue grazas a iso que o público se manteña conectado e vaia seguindo o que el vai representando, e que os risos enchan de xeito continuado o patio de butacas. Reforza iso tamén xerando momentos de interacción directa con algunhas persoas espectadoras, tanto no patio de butacas como facendo que suban ao escenario. Non sei se viu o meu caderno e quixo engaiolarme para que escribise ben sobre el, pero logo de ter que abotoarlle as mangas e atarlle os lazos da camisa e de ser convidada por el a subir ao escenario e participar nunha das atraccións do Xardín das delicias, debo dicir que, a pesar dos seus defectos, este Lubbert é un tipo simpático, aos que se lle colle aprecio. É máis simpático que irreverente, máis agradecido que descortés, a pesar daquilo que representa e retrata. A música tamén contribúe a manter o ritmo da obra e apoiar algúns dos personaxes e situacións que recrea, e supón un fermoso peche da peza o cambio que fai cara a un movemento menos narrativo e máis poético e estilizado.

Non é habitual nas programacións a aposta polo teatro xestual e, especialmente, por aqueles traballos que van ao esqueleto do xesto e non empregan o texto como elemento complementario, nin a escenografía ou os obxectos. Cómpre agradecer, pois, que a Mostra traia cada ano diversas e variadas pezas deste xénero, e que faga visible a positiva resposta do público ante elas. É que, a pesar da presenza maioritaria e a importancia que se lle dá ao discurso falado no teatro e no noso día a día, os xestos e a expresión vocal son o que máis nos transmite. Por todo iso, Lubbert é, xa que logo, unha peza que nos fai conectar co momento presente para seguir a narrativa que xera cos seus xestos e sons, e que nos leva polas paixóns, necesidades e anhelos dun ser prototípico, que non se afastan tanto dos dun ser humano de hoxe en día.

FaLang translation system by Faboba