Skip to main content

La Zaranda en 2022

  • Anna R. Figueiredo
  • Noticias

Un dos puntos fortes da Mostra deste ano foi a calidade das pezas de sala mais, sen dúbida, o contraste fica deitado entre La Zaranda e Teatro Kamikaze ao deixar achegas diametralmente opostas tanto na concepción estética e escénica como na textualidade. Ambas magníficas na interpretación e, probablemente, na acción sobre o público (cadansúa específica para cada persoa) deixan claro que, con toda probabilidade, a realidade de quen ocupamos butaca en Cangas se relaciona de xeito máis directo coa problemática de tirar medio aguacate que se deixa pasar e fica na nevera durante semanas e menos co esperpento dos barrios baixos onde
prostitutas abusadas por un chulo saído do cárcere hai nada procuran puteros que as preñen para mercar un chute.

O elenco de La Zaranda agarda polo público en escena, en personaxe, non son intérpretes, xa son quen teñen que ser durante as primeiras escenas da obra, tan esperpéntica, tan claroscura e intencionalmente agresiva ao tacto e ao padal. A escenografía componse de caixas, poucas, unha cama pregable e unha cadeira de rodas cun gotero que viu tempos moito mellores. Non precisan máis. Pola contra en Barbados o escenario fica totalmente deconstruído, destruído, o teatro está
espido e destrozado, rebentado para lle dar paso a Emilio Tomei que entra desde a porta ao auditorio e camiña, decidido, cara ao proscenio. Alí diríxese ao público explicando que non é máis ca un rapaz de dous anos, que a súa capacidade de comunicación non é limitada pero a súa linguaxe si. Que lamentablemente a relación entre os conceptos e as palabras non é bixectiva. Ao pouco, rematada a introdución, uniráselle Fernanda Orazi e, separados no eido distópico dese teatro que semella tirado de Mad Max, construirán unha historia sobre El e sobre Ela (un pouco ao xeito, agora que está nas librerías, da obra premiada coa VII edición do Laudamuco de Brión, comunicándose a través de monólogos que interaccionan, brevemente, empregando unha sorte de leixa-prén na conexión entre os textos, coma quen improvisa, mais non hai improvisación, hai oficio).

A Zaranda densifica o ambiente adentrándonos na profundidade da mala estrela, da mala sorte, da ánima ruín do mundo criminal e do ser humano propio. A escolla do vestuario, a linguaxe emocional e física, forzada en posturas incómodas, imposibles, retortas e forzadas ate o paroxismo da amorfia contrastan co diálogo, ao caso, das persoas de mala vida, cos traficantes, as prostitutas, os esquencidos que están no lado salvaxe, ese no que, como dicía a Rosenvinge, Lou Reed non pisa se non leva escolta. Debuxa un mundo no que é obra de ilusionismo pensar que hai un camiño polo que escapar, que os zapatos vermellos son unha opción e non a condena a bailar eternamente a música non escollida coma no conto de Andersen. A empatía xorde entre iguais mais prima o instinto de supervivencia e a clarividencia parte desde as limitacións daquel personaxe que pintan coma o idiota, o eivado do conto. Toda crueldade ten un fondo de tenrura e todas as pantasmas da conciencia habitaron un corpo de carne e óso.

En Barbados a linguaxe flue na cotidianeidade, susténtase e recréase na súa propia existencia, constrúe a totalidade do corpo dramático a através dos significados vestíndose de fonemas e xestualidade comedida, estudadamente afastada en ambos corpos, excepto nos cambios puntuais nos que case rompen o xogo de estaren sempre a narrar. Narrar e entrar na historia, e saír dela e narrar de novo. Parar. Abandonar aparentemente o xogo, ollarse e acordar por onde seguir a tirar do fío. A realidade de Barbados é a das casas con calefacción e as hipotecas que se cargan directamente na conta do banco. Non hai medo da lei, hai medo da soidade, da nostalxia da falta de sentido na vida sinsentido. Chatarreroooooo, Señoraaaaaaa. Hai ese amor que se atopa nas series de Movistar+ e esa ironía dos textos do cinema alternativo da escola de Nova York. Hai pouca mugre e moita crítica.

A natureza humana, o destino, o camiñar inexorable cara un desenlace, a fuxida dun propio, as accións do pasado que veñen, de novo, a render contas no futuro cando non se chama por elas, o presente que cae en picado en canto se tenta poñer o dedo sobre o instante e capturalo para sempre. A eterna fuxida cara adiante.
Non estamos en 2022 e os ánxeles todos van ao ceo, mais na aparente diferenza recoñecemos dous mundos que poderían habitar no mesmo espazo xeográfico, mais que nunca se tocarían entre eles. Liñas paralelas de existencia no mesmo plano físico que nos levarían a cambiar de acera de nos cruzar con eles no medio da noite, se acaso sen valorar acertadamente cal deles acarrega o perigo meirande.

TODOS LOS ÁNGELES ALZARON EL VUELO
Compañía: La Zaranda
Procedencia: Andalucía
Dirección: Paco de la Zaranda
Autoría: Eusebio Calonge
Presentación: 2025


BARBADOS EN 2022
Compañía: Teatro Kamikaze
Procedencia: Madrid
Dirección: Pablo Remón
Autoría: Pablo Remón
Presentación: 2022

FaLang translation system by Faboba