Dúas semanas do mellor teatro para celebrar a 43 Mostra de Cangas
Entre o 21 de xuño e o 5 de xullo celebrarase en Cangas a 43 edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo (MITCFC), unha cita xa consolidada no calendario cultural galego que, durante 14 días, volverá encher a vila co mellor das artes escénicas. A MITCFC acollerá 24 espectáculos repartidos en 7 escenarios. Este ano serán representadas por primeira vez ante o público en Cangas 6 coproducións, 9 estreas absolutas e 7 estreas en Galicia. Co paso das edicións, a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas consolídase como un dos eventos escénicos máis relevantes de Galicia, contribuíndo á descentralización cultural e dinamizando a vida social e económica da comarca.
A 43 edición aposta por unha programación plural que combina danza para crianzas, performance e teatro, reunindo compañías galegas, estatais e internacionais. Nesta Mostra convivirán espectáculos contemporáneos e innovadores, teatro de rúa, circense, obras clásicas e populares. O festival reafirma, deste xeito, o seu compromiso cun modelo cultural aberto, accesible e conectado coas novas tendencias escénicas, sen perder a súa identidade festiva e popular, ao tempo que sitúa a Cangas como punto de encontro da creación escénica actual. En palabras da directora artística da Mostra, María Armesto, “programamos humor, excelencia e paridade”, subliñando o apoio á creación contemporánea e, de xeito especial, ao tecido galego.

Entre os espectáculos máis destacados atópanse novas producións e coproducións que afondan en linguaxes contemporáneas, así como montaxes de compañías consolidadas que chegan á Mostra tras percorrer escenarios nacionais e internacionais. A programación incluirá tamén propostas de teatro físico, novo circo e espectáculos híbridos que combinan distintas disciplinas artísticas, reforzando o carácter innovador da Mostra. Ademais, manterase unha presenza destacada do teatro de rúa, que volverá ocupar os espazos públicos, achegando as artes escénicas a todos os públicos e reforzando o carácter aberto e participativo do evento.
Unha das estreas en Galicia será ‘Caperucita en Manhattan’, espectáculo da compañía Teatro de la Abadía creado a partir da novela homónima de Carmen Martín Gaite. Teatro del Barrio regresa a Cangas coa obra ‘Hoy tengo algo que hacer’, interpretada por Luis Bermejo. Ademais, destaca a estrea absoluta do espectáculo de cabaré ‘Exit’ de Iria Piñeiro.
O pregón inaugural correrá a cargo da actriz, autora, produtora, pedagoga e directora galega, Noemi Rodríguez, quen tamén impartirá un obradoiro para actrices e actores, actividade en colaboración da MITCFC e a Asociación de Actores e Actrices de Galicia.
O Premio Xiria ao Labor Teatral vai recibilo Antonio Durán Morris, actor referente da interpretación en Galicia e en España. Morris recibe este galardón en recoñecemento á súa dilatada traxectoria profesional, tanto no eido da comedia como do drama.
Outra das actividades destacadas este ano é a celebración dos 40 anos de historia de Teatro de Ningures. Aproveitando esta efeméride, a Mostra organiza unha exposición de fotografías a cargo do artista visual Diego Seixo que recolle a obra escénica da compañía.
MULLERES EN ACCIÓN
Este ano, o Premio Mulleres en Acción recaerá na UTE-PÍAS FEMINISTAS, proxecto creado por cinco entidades para ofrecer á sociedade unha representación coral, diversa e compartida da figura de Lola Ferreiro Díaz, unha muller galega imprescindible, referente fundamental do feminismo e a loita polos dereitos das mulleres.
Na presentación oficial desta 43 Mostra, o deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Jorge Cubela, explicou que se trata dun “evento cultural con nome e identidade propia” que goza dun importante recoñecemento a nivel nacional e internacional. Cubela valorou o feito de que a organización faga medrar a Mostra “desde a calidade e non desde a inercia”.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Agadic, destacou os valores de “sostibilidade e igualdade que sempre están presentes” neste festival. Jacobo Sutil fixo mención ao Premio da Cultura Galega que a Mostra de Teatro de Cangas recibiu este ano na modalidade das Artes Escénicas, feito que cualificou de “triunfo colectivo”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Cangas, Araceli Xestido, subliñou o forte vínculo que existe entre a Mostra e a vila, da que asegura é o “berce do teatro” en Galicia e unha “canteira” de grandes actores e actrices. A rexidora considera que este festival é “a nosa árbore froiteira do teatro” e forma parte “da alma de Cangas”.

ABONOS
Ao longo de todo este mes de maio, estarán á venda na web oficial da Mostra os abonos para asistir ás nove funcións que este ano serán representadas ou ben no Auditorio, ou na Capela do Hospital ou na Taberna Cultural O Adro. Xa desde o 3 de xuño poderán mercarse as entradas individuais. Ademais, a billeteira do propio Auditorio estará aberta os días de función desde dúas horas antes de comezar cada espectáculo.