Noemi Rodríguez: "A Mostra é unha invitación á alegría, á reflexión e á comunidade"
A pregoeira desta 43 Mostra Internacional de Teatro Cómica e Festivo de Cangas tocou practicamente todos os paus nas artes escénicas. Actriz, autora, directora, produtora e pedagoga, Noemi Rodríguez afirma que o teatro "é o lugar desde o que miro o mundo e desde o que intento entendelo e compartilo cos demais". Premio Ojo Crítico de Teatro 2019 pola súa traxectoria en Teatro En Vilo, esta galega está considerada unha das creadoras máis interesantes do panorama teatral contemporáneo.
- Que significa para ti dar o pregón da 43 Mostra?
Para min é unha honra enorme. Síntome profundamente agradecida e moi afortunada pola decisión da dirección da Mostra de darme este espazo para inaugurar esta nova edición. É unha oportunidade moi especial para compartir algunhas reflexións e para contribuír, aínda que sexa por un intre, a dar o pistoletazo de saída a un evento tan importante para o teatro galego. A verdade é que me sinto moi honrada e moi feliz.
- Que vínculo tes con este evento e con Cangas?
Unha das razóns polas que para min é tan especial facer este pregón é porque tamén me permite expresar publicamente o meu agradecemento tanto á Mostra como ao público de Cangas. Ao longo de toda a miña carreira profesional sentín o seu apoio e o seu cariño. Desde os meus inicios como directora e dramaturga, cando tiña vinte e poucos anos e
practicamente estaba empezando, a Mostra de Cangas apostou polo meu traballo. E iso, nun momento no que ninguén te coñece e estás dando os teus primeiros pasos, ten un valor enorme. Que che dean oportunidades, que valoren o que fas e que confíen en ti é algo que marca unha carreira. Ademais, teño recordos moi fermosos, como cando algún dos meus espectáculos recibiu o Premio do Público. Son experiencias que unha nunca esquece. Por iso agradezo moito ter agora a oportunidade de devolver, aínda que sexa cunhas palabras, unha pequena parte de todo o que recibín.
- Por que cres que ten tanto tirón o teatro nesta vila?
Seguro que hai persoas que poderían responder mellor ca min a esta pregunta porque coñecen en profundidade a historia do teatro profesional e amador na zona. Pero eu imaxino que ten moito que ver coa enorme cantidade de profesionais, compañías e persoas vinculadas ás artes escénicas que levan anos traballando con constancia e compromiso. Hai un tecido cultural moi forte e moi vivo, construído ao longo do tempo por moita xente que leva décadas facendo un traballo extraordinario. Iso crea unha relación moi especial entre o público e o teatro. O caso de Cangas é bastante singular e é un exemplo de como a cultura pode formar parte da identidade dun lugar.
- Directora de escena, dramaturga, intérprete, pedagoga e asesora. Que significa para ti o teatro?
Para min o teatro é algo que atravesa practicamente toda a miña vida. Empecei a traballar profesionalmente moi nova e, desde entón, o teatro foi organizando gran parte das miñas decisións vitais. É a miña profesión, pero tamén é a miña ilusión. Grazas ao teatro coñecín persoas marabillosas, ocupei lugares que nunca imaxinei e vivín experiencias que me transformaron. Dalgún xeito, o teatro é o lugar desde o que miro o mundo e desde o que intento entendelo e compartilo cos demais.
- En Galicia ou a nivel estatal, a quen admira Noemi no eido teatral?
Admiro a moitísimas creadoras e creadores por razóns moi diferentes, así que me resulta difícil escoller nomes concretos. Pero hai algo que sempre me inspira especialmente: as compañías que conseguen manterse unidas ao longo dos anos, traballando co mesmo amor, coa mesma entrega e coa mesma paixón despois de décadas. En Galicia temos exemplos extraordinarios diso. En xeral, admiro ás persoas que traballan con ética, con rigor e con amor polo oficio, e tamén a quen se atreve a asumir riscos artísticos e a
explorar camiños novos. Foi un auténtico flechazo. Eu era unha nena moi introvertida, moi pechada no meu propio mundo, e relacionarme cos demais non me resultaba nada fácil. Un día, na escola, tocoume interpretar un personaxe de 'O enfermo imaxinario' de Molière e pasou algo que nunca esquecín: a través de facer de alguén que non era eu, conseguín conectar cos demais e co mundo dun xeito completamente novo. Debía ter 7 ou 8 anos e souben que alí había algo moi importante para min.
- Ao longo da túa carreira desenvolviches distintas facetas do teu traballo en varios países europeos e tamén na India ou en Estados Unidos. Que diferenzas fuches atopando?
Unha das cousas que aprendín viaxando e traballando noutros países é que ás veces tendemos a idealizar moito o que ocorre fóra. Cando non coñecemos de preto outras realidades, é fácil pensar que todo funciona mellor noutros lugares. Para min foi moi útil poder comparar distintos contextos profesionais e culturais. E, curiosamente, esa experiencia fíxome valorar moitas cousas que temos aquí. Evidentemente hai moitísimos aspectos mellorables, pero tamén contamos cun tecido artístico moi rico e con
oportunidades que ás veces non apreciamos o suficiente. Aprendín que non todo é ouro o que reluce e que incluso países que adoitamos poñer como exemplo tamén teñen dificultades e limitacións importantes.
- Fálanos agora desde a perspectiva de profesora de obradoiros de interpretación. No teatro, canto hai de talento innato e canto de profesión aprendida?
Hai un mito arredor da arte que di que crear é algo reservado para unhas poucas persoas especialmente dotadas. A miña experiencia, tanto na interpretación como na escritura, dime outra cousa. Cando se crean as condicións axeitadas, cando se ofrece un espazo seguro e estimulante, aparecen talentos, creatividade e capacidades expresivas en moitísimas persoas. Por iso diría que hai moito máis talento do que pensamos, e tamén moita xente que aínda non descubriu o seu propio potencial. Agora ben, facer unha carreira artística sostida no tempo ten que ver con outras cousas: coa curiosidade permanente polo mundo e polas persoas, coa disciplina, co rigor, coa constancia e coa capacidade de asumir riscos. Tamén creo que require unha enorme valentía e unha relación moi profunda coa propia vocación. E, ao mesmo tempo, considero fundamental aprender a construír unha vida sostible. Porque cando sacrificamos todo polo traballo que amamos corremos o risco de queimarnos. Coidar a vida tamén é unha forma de coidar a vocación.
- Como dramaturga e directora de escena, por que cres que ao teatro lle custa chegar ao público máis novo? Fallan as historias ou hai outros problemas?
Seguramente hai moitos factores, pero un deles podería ser que faltan máis espazos para que a xente nova poida crear, experimentar e contar as súas propias historias. Ademais, ás veces estamos confundindo precariedade con xuventude. Que unha persoa de trinta e tantos siga compartindo piso, non poida acceder a unha vivenda ou non poida formar unha familia se así o desexa non significa que siga sendo nova; significa que existen condicións de vida cada vez máis precarias. E nese movemento corremos o risco de invisibilizar ás persoas que realmente están na vintena, coas súas preguntas, as súas inquedanzas e a súa forma particular de mirar o mundo. Se non lles damos espazo para crear, tamén é máis difícil que o teatro conecte coa súa xeración.
- A nivel profesional, de que cousas te sintes máis orgullosa?
Non creo que sexa dun premio ou dun proxecto concreto. Do que máis orgullosa me sinto é de conservar intacta a miña vocación. Despois de tantos anos sigo tendo a mesma curiosidade, a mesma ilusión e as mesmas ganas de aprender que cando empecei. Mesmo diría que máis. O teatro continúa emocionándome, sorprendéndome e formulándome preguntas. Poder seguir sentindo iso despois de tantos anos é, probablemente, o meu maior logro.
- E que tes aínda pendente?
Todo o que está por vir. Quédanme moitas obras por facer, moitos artistas por coñecer e moitas colaboracións por vivir. Quédanme experiencias que aínda non podo nin imaxinar. E iso é algo que me ilusiona profundamente.
- Á hora de contar, é o teatro unha disciplina máis libre que, por exemplo, o cine ou a televisión?
Non teño suficiente experiencia no cine ou na televisión como para facer afirmacións rotundas, porque a miña carreira desenvolveuse fundamentalmente no teatro. Pero si creo que o teatro é un lugar onde moitas cousas son posibles. Ao non depender, en ocasións, de estruturas tan complexas nin de recursos tan elevados, pode existir unha maior
capacidade para experimentar, asumir riscos e explorar linguaxes propias. É un espazo cunha enorme liberdade creativa.
- Se estivera nas túas mans facer algún cambio para potenciar as artes escénicas, por onde comezarías?
Eu poñería a todo o mundo a facer teatro. Crearía grupos de teatro en cada barrio, en cada centro cultural, en cada escola. Porque o teatro non só serve para formar artistas. É un espazo de encontro, de comunidade, de alegría e de imaxinación. Son lugares onde aprendemos a escoitar, a colaborar, a poñernos no lugar doutras persoas e a explorar posibilidades novas. Son espazos de transformación individual, colectiva e social. Por iso, se dependese de min, habería teatro en todas as esquinas.
- Que vai ver a xente que asista ao teu pregón?
Pois máis que ver, vai escoitar. Vai atopar unha pequena reflexión, pero tamén unha celebración dun mundo que amo profundamente e ao que levo vinculada toda a miña vida.
Falarei do teatro como un lugar de encontro, de imaxinación e de transformación. Un espazo que nos permite saír un pouco de nós mesmos, achegarnos ao diferente e volver mirar o mundo con máis curiosidade e máis esperanza.
- Como animarías ao público a non perderse nada da 43 Mostra de Cangas?
Animaría á xente a saír da casa, a deixar o móbil de lado durante unhas horas e vir ao teatro. Creo que vivimos moi pegados ás pantallas, nun contexto que moitas veces alimenta a desconfianza, o enfado e o illamento. O teatro ofrece xusto o contrario: un espazo de encontro. Un lugar onde sentar xunto a persoas diferentes, compartir unha experiencia e escoitar algo durante máis de tres segundos. Creo que a Mostra de Cangas é unha invitación á alegría, á reflexión e á comunidade. E, nestes tempos, iso paréceme máis necesario ca nunca.