Skip to main content

Premio do Público para a obra queer 'Cariño malo'

A obra Cariño malo, da compañía peruana Ministerio de la Belleza, gaña o Premio do Público da 43 Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Membros da compañía viaxaron desde Lima até Cangas para subirse ao escenario na que sería a súa primeira representación en España. A estrea fíxose o pasado domingo 28 de xuño, coincidindo co Día do Orgullo LGBTIQ+, nun abarrotado Auditorio Municipal que estalou en aplausos e se puxo en pé con calorosísimas ovacións tras finalizar a interpretación. 

Alejandro Clavier, dramaturgo, director, produtor xeral e un dos actores de ‘Cariño malo’ recoñecía sentirse “moi emocionado” tras coñecer o resultado da votación. Segundo nos dixo, recibir este premio "pon en palabras algo que xa sentiramos esa noite na sala". Explica que foi unha función moi "especial". Engadiu que, desde a súa estrea, a obra recibiu o apoio de moitas persoas e institucións. "Agora o espaldarazo dánolo unha sala enteira", asegura. "Despois desa noite, queremos máis España nas nosas vidas", conclúe.

O dramaturgo destacou o feito de que durante os días que estiveron en Cangas, a vila lucise as cores da bandeira gay e unha bandeira de Palestina. Considera que "este nivel de compromiso, asumo eu, ten que ser un espello do punto de vista dun pobo". "Desde os meus ollos peruanos, onde os políticos e autoridades máis ben fan o posible para discriminar e humillar a nosa comunidade, todo isto pareceume tan irreal...", apunta o director da obra. Aclara que primeiro sentín unha especie de celos "de non ter algo así", pero despois "púxenme triste por Cangas -pásame ás veces sufrir por adiantado-". E faino porque sente "inminente e desbocado" o avance do conservadurismo e porque quizais estaba sendo espectador dunha imaxe "que pronto vai ser totalmente diferente". Por iso, quixo manifestar un desexo: "Ogallá que Cangas e a súa xente poidan protexer estes valores e proxectos tan especiais e lonxevos como a Mostra, que nos dan o que máis necesitamos: esperanza".

Acompañando a Clavier enriba do escenario, están os actores Sebastián Stimman e Diego Salinas. A obra, un melodrama iberoamericano dende unha perspectiva queer, inspírase no formato das radionovelas. Como explica a crítica de teatro Ana Abad de Larriva, ‘Cariño malo’ “visibiliza a fraxilidade e tamén a forza da loita pola propia liberdade á hora de ser, de amar e desexar; así como a dor, a crueldade, a violencia e a represión”. De Larriva engade que se trata dunha peza “tremendamente humana que xera empatía mais que tamén incomoda”, que “divirte e entretén, pero que tamén fai pensar”. 

O Premio do Público é un recoñecemento que a Mostra de Teatro de Cangas outorga cada ano tendo en conta a valoración das persoas asistentes ás obras que se representan no Auditorio Municipal. Despois de cada espectáculo, as espectadores e espectadores teñen a opción de votar nunha urna, puntuando do 1 ao 5 cada unha das obras.

FaLang translation system by Faboba