Roberto Salgueiro gaña o X Torneo de Dramaturxia de Galicia con ‘Jessy & Johnny’
O Torneo de Dramaturxia de Galicia celebrou onte en Cangas o seu décimo aniversario nunha divertida velada na que Esther Carrodeguas fixo de mestra de cerimonias e onde competiron catro textos que xa foran premiados nalgunha das anteriores edicións. Finalmente, o dramaturgo Roberto Salgueiro gañou este combate co texto titulado ‘Jessy & Johnny’, unha peza que xa resultara gañadora no ano 2020 na cuarta edición deste Torneo, en plena pandemia da COVID. Nesta ocasión, o texto premiado estivo dirixido por Roi Vidal e interpretado por Paula Carballeira e Amantia Coello. Por primeira vez, o improvisado ring deste combate de dramaturxia estivo instalado na recentemente inaugurada taberna cultural O Adro de Cangas, que se encheu de público para asistir a unha das citas máis agardadas cada ano dentro da programación da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas.
A obra de Roberto Salgueiro está protagonizada por unha nai e unha filla de 17 anos nun cómico e ocorrente diálogo que se produce despois de que a adolescente lle diga á nai que vai saír da casa para atoparse cun mozo que ten un grupo de música. A partir de aí, desencadéase toda a historia, na que o tema da protección (tema de máxima actualidade na época da pandemia na que foi escrita) fai de fío condutor entre risas, dobres lecturas e moito humor.
Roberto Salgueiro destacou o ambiente “tan agradable” que viviu nas dúas ocasións nas que puido participar no Torneo de Dramaturxia. “A de onte foi unha noite preciosa na que tiven a oportunidade de reencontrarme con moita xente para poñernos ao día”, afirma. Sobre o texto dúas veces gañador explica que lle ten “moito cariño” e destaca que o público sempre responde “moi ben” cando o ve. “A min resultoume moi divertido escribilo e as actrices que o len din que tamén o pasan moi ben facéndoo”, engade. O feito de que o premio sexa froito do voto do público asistente ten para Salgueiro un valor extra.
Os outros textos que participaron no X Torneo foron ‘Musas do metal’, texto de Deborah Vukusic, dirixido por Laura Porto e interpretado pola propia autora e María Lado; ‘Xa están aquí’, escrito por Raquel Castro, dirixido por Fran Godón e con Marta Lado e Manolo Cortés actuando; e ‘PEC’, do dramaturgo Gustavo del Río, dirixido polo colega de profesión Carlos Labraña e con Iván Fernández e Santiago Cortegoso sobre o ring.
O Torneo de Dramaturxia de Galicia é unha produción da MITCFC, con Santiago Cortegoso e Esther Carrodeguas ao cargo da organización e a dirección. En colaboración coa asociación de dramaturxia galega, DramaturGa.