'Soft power', o novo libro de Asunción Bernárdez Rodal
Asunción Bernárdez Rodal presentou onte na librería Wells de Cangas o seu libro 'Soft power'. A escritora, profesora titular na Facultade de Ciencias da Información da Universidade Complutense de Madrid (UCM), ten publicado máis de cincuenta artigos académicos e diversos libros, entre eles, Mujeres en medio(s).Propuestas para analizar la comunicación masiva con perspectiva de género. Na actualidade é directora do Instituto de Investigacións Feministas da UCM.
Bernárdez Rodal falou da enorme influencia social que ostentan os medios de cultura de masas, eses poderes brandos (soft power) que adoitan reflectir os intereses das institucións dominantes. Asistimos ao cine, vemos unha serie, lemos relatos de ficción como unha forma de evasión e divertimento, abandonándonos ao pracer que nos producen e inconscientes do seu enorme poder adoutrinador. Por iso, desde unha perspectiva feminista crítica, resulta imprescindible analizar as novas formas de representación da muller que nos propoñen.