María Ruído é artista visual, realizadora, investigadora e docente. Actualmente vive en Madrid e Barcelona, onde é profesora no Departamento de Imaxe da Universidade de Barcelona. Desde 1998 vén desenvolvendo proxectos interdisciplinares sobre a construción social do corpo e a identidade, os imaxinarios do traballo no capitalismo postfordista, e sobre a construción da memoria e as súas relacións coas formas narrativas da historia. Máis recentemente traballa ao redor das novas formas dos imaxinarios decoloniales e ás súas posibilidades emancipatorias. Entre as súas producións destacan os ensaios documentais "A memoria interior" (2002), "tempo real" (2003), "Ficcións anfibias" (2005), "Plan Rosebud" (2008), "ElectroClass" (2011), "Lle rêve est fini" (2014), "L´oeil impératif" (2015), "Mater Amatísima" (2017), "Estado de malestar" (2019) ou a conferencia-performance "As regras do xogo" (2022). Participou, desde principios dos 2000, en moitos proxectos expositivos estatais e internacionais, así como en festivais de cinema e vídeo, circulando os seus traballos entre ambas as institucións, a artística e a cinematográfica. Os seus traballos están presentes nas coleccións permanentes do MNCARS, MACBA, CA2M, CGAC ou o Arquivo OVNI.
ethics of care (1999). Vídeo ensaio froito da gravación dunha rave na Sala Nasa de Compostela en maio de 1999.
Traballo sobre o control e a normalización, a instrumentalización do capital e a imposición de formas de produtividade a través do corpo, así como unha chamada á disolución dos límites entre o produtivo e o pracenteiro, entre o social e o doméstico, lonxe da postura inmobilista de revalorizar os coidados corporais proporcionados maioritariamente polas mulleres, ata o de agora, e adoptada por algúns sectores do feminismo.
Cronoloxía. Vídeo-acción gravada e editada na Escola de Imaxe e Son da Coruña (EIS).
Percorrido fragmentario por un libro de texto de historia contemporánea en paralelo a un percorrido polo meu propio corpo, marcado por algunhas das "grandes datas" da cultura occidental, a acción en vídeo "Cronoloxía" cuestiona os límites da radical separación entre a Historia e a historia (history/story).
Hansel e Gretel. Gravada e editada na Escola de Imaxe e Son da Coruña (EIS).
Mediante a inxestión compulsiva de ´piruletas`, a acción fala do control social e familiar sobre os nosos corpos e actitudes a través da comida, á vez que rememora en frases nunha pizarra, o mundo infantil de consignas e os lugares comúns asimilados na escola e os xogos.
A voz humana. Vídeo acción realizada na Escola de Imaxe e Son da Coruña.
Traballo sobre a violencia da linguaxe, sobre a utilización pública da palabra e a operatividade dos discursos construídos baixo premisas non consensuadas senón impostas. Este proxecto reflexiona sobre a voz das mulleres (non sempre propia, moitas veces mero reflexo de formas estereotipadas), e propón unha fusión corpo/linguaxe que xere un territorio híbrido estendido, máis aló da asimilación acrítica de paradigmas hexemónicos, pero lonxe da posición ahistórica do silencio baleiro.