As Fillas Bravas é unha obra de Chévere interpretada por Patricia de Lorenzo, Mónica García e Arantza Villar. Estreouse no ano 2014 na MITCFC, no marco das Xornadas Mulleres en Acción. Desde entón a obra non parou de presentarse en decenas de lugares, grandes e pequenos, de Galicia e de fóra e en todo tipo de espazos, desde teatros, aulas e teleclubes ata prazas, eiras, adros e campos de festas. Despois de máis de dez anos en xira, Kalandraka Editora publica un libro co texto da súa primeira obra, As Fillas Bravas de Momán, unha pequena contribución desde o mundo do teatro ás Letras Galegas 2025 para celebrar ás cantareiras e pandeireteiras.
Isaura, Dosinda e Benedita son As Fillas Bravas. Cantan e tocan alá onde chamen por elas e viven en Momán, unha aldea que representa todas as aldeas e na que todo é posible, negando o estereotipo que caracteriza a sociedade galega rural como conservadora, atrasada, sumisa e que reduce ás mulleres ao ámbito privado da familia. Porque nas coplas que aprenderon das súas avoas atoparon testemuñas directas dos roles produtivos asumidos polas mulleres, da existencia habitual de relacións sexuais fóra do matrimonio, dedenuncias de acoso, abusos e violacións, de prácticas anticonceptivas, de autoafirmación da muller fronte ao home...
Mergullarse na poesía popular oral e espallala por todos os lados é para elas un xeito de reivindicar o que lles pode quedar de autenticidade e os vencellos cada vez máis fráxiles coa memoria dun lugar e dunhas xentes, que é o único que lles permite ser alguén nun mundo dominado polo valor fugaz dun presente que se esvae tan axiña como se consume.