Obradoiro organizado en colaboración coa Asociación de Actrices e Actores de Galicia (AAAG), dirixido a actrices, actores, directoras-es, dramaturgas-os e estudantes de artes escénicas sobre o propio proceso de creación. A partir do que nos conmociona, obsesiona, revitaliza, aterra ou nos produce un pracer profundo —temas, imaxes, lembranzas, conceptos, preguntas, historias, referentes, etc.—buscaremos localizar aquilo que inspira e forma parte esencial do universo creativo único de cada participante para descubrir a nosa poética, buscando liberar aquilo que está querendo nacer e ser contado.
Directora, dramaturga, intérprete, pedagoga e asesora de procesos creativos. Premio Ojo Crítico de Teatro 2019 pola súa traxectoria en Teatro En Vilo, está considerada unha das creadoras máis interesantes do panorama teatral contemporáneo. Formada na ESAD de Galicia. Máster en Artes Escénicas (Universidade de Vigo). Curso de posgrao na London International School of Performing Arts. Impartiu obradoiros de dramaturxia, storytelling, creación teatral, teatro xestual, creación colectiva e improvisación en institucións públicas e privadas de Francia, Italia, Chipre, Reino Unido, India e España para profesionais das artes escénicas, infancia, adultos e colectivos en risco de exclusión social. Coordinadora do Club de Lectura do Centro Dramático Nacional (23/24) e profesora especialista da Real Escola Superior de Arte Dramática (24/25). Como directora e dramaturga traballou en numerosas institucións de prestixio, destacando “Blast”, “La Distancia” e “Man Up” do Centro Dramático Nacional; “Terceiro Acto” do Centro Dramático Galego; e as multipremiadas “Interrupted”, “Generación Why” e “Hoy Puede Ser Mi Gran Noche”, de Teatro En Vilo. Dirixiu e escribíu “Malena, llena eres de gracia”, “Locxs de Amor” (Art For Change La Caixa), “Miss Mara, quien se reserva no es artista” (Circo Price) e “Escenarios de Chamberí”, en colaboración co Teatro de la Abadía.