Chévere é unha compañía de axitación teatral con máis de 30 anos de traballo ao lombo, que soubo manter con naturalidade unha proposta escénica tan irreverente como xenuína. En 2014 recibiu o Premio Nacional de Teatro, polo seu compromiso social e cultural e pola súa coherente traxectoria de creación colectiva, transgresión de xéneros e conexión crítica coa realidade.
Chévere conserva un núcleo artístico estable (Miguel de Lira, Xesús Ron, Patricia de Lorenzo) e mantén unha ampla rede de colaboracións con decenas de profesionais de distintas procedencias xeográficas, xeracionais e creativas.
Todo comeza ao descubrir unha muller, totalmente descoñecida para nós, chamada Helen Keller. Nacida en Tuscumbia (Alabama), convértese nunha celebridade mundial ao ser, segundo as fontes oficiais, a primeira persoa xordocega en obter un título universitario en 1904 en Harvard, despois dun duro proceso de aprendizaxe desde os oito anos. Polo menos esta é a parte da súa vida que fica na memoria colectiva, como un exemplo de superación da discapacidade. E polo que sabemos, a maioría dos seus escritos acaban rescatados como simples aforismos motivacionais. Pero ao investigar en varios arquivos dixitais norteamericanos imos descubrindo outras facetas desconcertantes da súa vida, que son sistematicamente ocultadas. E o máis sorpredente, nos últimos anos espállase polas redes sociais unha campaña que afirma que Helen Keller é un fake, incluíndo unha petición en charge.org para eliminala da historia.