A ETC é un espazo de referencia teatral e cultural da comarca que ofrece á veciñanza unha opción formativa para achegarse ao teatro e enriquecerse como persoas, tanto individual como socialmente. Unha oferta pedagóxica de proximidade, moi difícil de atopar nunha vila ou comarca, capaz de xerar afección e novos públicos para esta arte.
A Ópera Pánica descende directamente dos diálogos de pallasos que Jodorowsky tivo a oportunidade de ver nos circos pobres no seu país natal, Chile, creando absurdas e longas intervencións que ían desde inocentes adiviñas con xogos de palabras –pasando por situacións absurdas– ata alcanzar un alto nivel poético e filosófico.
Os personaxes da Ópera Pánica, como humildes pallasos e grotescos bufóns, desdeñan a viscosidade psicolóxica, e entran en colisión os uns cos outros, impenitentes autistas, sen cambiar de conduta nin un chisco. É posible que as nosas sociedades de consumo estean a producir masas de tales criaturas…