[CRÓNICA] Unha cita xunto ao mar
Pregúntome que é a auga e véñenme palabras, e sobre todo sensacións. Penso na auga e na súa inmensidade, dentro e fóra de nós, e na poética do seu movemento. A compañía La Soledad presentou en Cangas, en coprodución coa MITCFC, ¿Qué es el agua?, unha peza performativa para espazos non convencionais arredor deste elemento, encadrada na maxia da ría. A peza formulaba un percorrido conectando coa paisaxe, e en especial, co mar, cunha dramaturxia poética e visual. A proposta de partida era moi interesante, o marco era excepcional, partindo da antiga factoría baleeira de Massó, e indo polo Paseo do Salgueirón, a Praia da Congorza, a Praia do Medio e, finalmente, Areamilla; pero a experiencia quedou nalgo moi diluído.
A peza arrincou na antiga baleeira, con Marc Caellas e Esteban Feune de Colombi léndonos uns textos arredor da inspiración en David Foster Wallace para crear a proposta, da historia de Massó e tamén sobre o que nos querería dicir a ría, convidándonos a escoitala durante o percorrido, algo que non foi doado. Había moita xente, e ao facer un único pase tan concorrido, a presenza deles dous se sentía lonxe, sen rematar de conectar co público. Ao non establecerse unha atmosfera clara dende o comezo, abundaban as conversas, non había coidado polo espazo e non había un silencio e unha conexión colectiva coa proposta.
A dramaturxia estaba conformada por pequenas accións, desenvolvidas por Marc e Esteban e outras persoas convidadas, e algunhas tamén polas persoas asistentes, como cando nos mandaron deitarnos no espigón e poñer unhas cunchas sobre os ollos. As accións e intervencións deles quedaron nalgo máis intelectual que sensorial, a pesar do seu interese, por esa distancia que se xeraba. O momento do espigón coido que foi o de maior conexión co mar, ao facerse o silencio e escoitarse o vento e o bater das ondas contra a costa, e sentir a pedra baixo o corpo; pero axiña rematou. Logo, Esteban leunos palabras que empezaban por “mar”, nunha acumulación interesante que nos facía tomar conciencia delas e as súas implicacións.
Destacou especialmente a presenza de Corinne Spitalier e a súa fermosa danza á beira do mar, así como a súa intervención corporal na arquitectura da antiga baleeira, non exenta dun gran risco, e tamén a da actriz Deborah Vukusic, que conectou co público na Lagoa da Congorza, contándonos datos e anécdotas arredor da auga, aínda que a cantidade de persoas que había dificultase a recepción. Enriqueceu tamén a peza a participación da A.C.F. Tromentelo, así como a da Escola de Teatro de Cangas, que crearon estampas fermosas.
E, fóra completamente de tempo, xa que a proposta se alongou corenta minutos máis do previsto, en Areamilla pecharon a experiencia cunha ofrenda á deidade orisha Yemanyé, pero sen rematar de xerarse a conexión que un acto así debería requirir. ¿Qué es el agua? é, xa que logo, unha proposta con moitas posibilidades, pero que en Cangas acabaron diluídas.