[CRÓNICA] As luces e as sombras da vida
A bailarina e coreógrafa Sol Picó presentou na MITCFC Malditas plumas, unha peza que combina danza, texto, música en directo e manipulación de monicreques para facer unha homenaxe ás vedetes, sobre todo a aquelas que dedicaron toda a súa a vida á arte e a encher o mundo de cor e non chegaron a ser especialmente (re)coñecidas nin viron cumpridos os seus máis grandes soños.
Destaca a conexión que consegue establecer Sol co público, a partir de dirixirse a nós nun monólogo falado e danzado no que vai combinando a nostalxia e mesmo a estrañeza coa comedia, sabendo eliminar a tensión ou o distanciamento con bromas, moitas delas relacionadas coa propia danza, ou con aclaracións que manteñen todo o tempo a nosa atención na escena. Sol é capaz de pasar de evocar o cómico e mesmo o ridículo, a partir da parodia e da esaxeración, con momentos en que ri de si mesma e daquilo que nos está a contar, aínda que deixando ver unha fondura por detrás da aparente frivolidade e do riso; a evocar o sublime, como cando baila na plataforma xiratoria con portés de Miquel Malirach, mentres este tamén canta, nunhas imaxes dunha gran beleza. O espazo e a atmosfera que se crean teñen algo de teatro de variedades, de revista, pero tamén de circo, de teatro de barraca, nos que de súpeto xorden os escintileos de algo que brilla e transcende.
Sol rescata elementos da revista española, nesa viaxe por fragmentos da vida dunha vedete do Paralelo barcelonés. Ese emprego de partes, repeticións e rupturas, para ir levándonos duns números aos outros, fiados polo propio texto, encaixa moi ben na dramaturxia da peza. Sol fálanos dos soños cumpridos e non cumpridos, do esforzo, das críticas, do paso do tempo e da decadencia, de tempos que foron e xa non son; fálanos da morte e fala tamén da supervivencia e da dignidade persoal e profesional, poñendo en valor especialmente as mulleres traballadoras, as mulleres emprendedoras no mundo da arte.
O deseño do espazo escénico é moi interesante tamén, ao estar distribuído, dun xeito sinxelo pero efectivo, en varias áreas diferenciadas e ben conectadas. Conta cunha pequena plataforma xiratoria, nunha estrutura elaborada con caixas de madeira que evocan escenarios e pasarelas e incorporan os elementos técnicos, creando unha atmosfera de certa sobriedade, ou mesmo pobreza, moi axeitada tamén para a dramaturxia e o ambiente aos que se nos quere levar; e unha zona con plumas, que xeran como unha cortina, dende a que se agocha e dende a que tamén nos fala a vedete. Destaca tamén na peza a música en directo e a relación de Sol con Miquel, así como o propio traballo deste, que canta, toca diferentes instrumentos, actúa e interactúa con ela, apoiándoa e xerando uns contrastes interpretativos e plásticos moi interesantes e fermosos.
Malditas plumas é unha peza que brilla cun encanto especial, que nos mete na súa maxia e nos fai conectar co delicioso traballo en escena de Sol e tamén o de Miquel; que nos leva polas luces e sombras non só do mundo das vedetes, senón da arte en xeral, e tamén da vida.