[CRÓNICA] Un diario propio
O escritor e colaborador televisivo Bob Pop presentou na 40ª MITCFC a súa peza Los días ajenos, que xa fora programada na edición anterior da mostra pero a función tivera que ser cancelada por cuestións de saúde do artista. Atopámonos ante un monólogo cargado de recordos que partiu dos seus libros homónimos, e nel Bob vainos debullando a súa vida e vaina entrecruzando coa doutros referentes artísticos, pero tamén coa de asasinos psicópatas, ou mesmo personaxes da crónica social,
xerando un diario propio que se nutre de todo iso. Faino a partir de anécdotas propias ou lidas, e tamén de referencias a diarios (seus e alleos), biografías e textos publicados noutros medios e soportes, dos que nos vai falando e dos que, nalgún momento, nos le algúns fragmentos, demostrando unha gran capacidade para conectar co público.
Bob consegue ir levando a persoa espectadora dunha referencia á outra, combinando a parte “pedagóxica” de ir presentando cada unha delas co ton próximo que emprega para ir fiando anécdotas e ir introducindo o humorismo co fin de facelas atraentes, a pesar da crueza dalgún dos relatos. O humor na peza vai mudando e fai pasar da gargallada e o riso cómplice ao riso incómodo que xera o desacougo e o rexeitamento, como cando nos conta a historia dun psicópata asasino e nos narra o seu macabro modus operandi. En Los días ajenos hai, xa que logo, un diálogo entre as lecturas que nos vai compartindo Bob e as súas propias vivencias, que xa recollera na súa serie Maricón perdido, pero que aquí cobran unha verdade especial, ao írnolas contando el mesmo no directo das artes escénicas. Fálanos de como foi medrar co medo á violencia e ao rexeitamento debido á súa homosexualidade, e de como foi construíndo a súa carreira e atopando os seus talentos e o seu camiño, dun xeito inspirador. Introduce tamén momentos de especial dureza, como cando se abre para falarnos da enfermidade que padece, esclerose múltiple, ou da violación que sufriu no madrileño parque do Retiro cando era moi novo, e momentos fermosos, como cando nos fala do amor entre el e o seu marido, que sempre o acompaña nas funcións dende entre bastidores.
O espazo escénico remite a un salón, pero tamén ao plató dun programa de crítica literaria, cunha butaca, unha lámpada de pé, unha figuriña dunha cacatúa e varias mesiñas con libros e diarios. Bob, que ten problemas de mobilidade, permanece sentado durante toda a peza, pero a través do que nos conta e da súa presenza e carisma consegue manter o interese e o ritmo todo o tempo, aínda que a propia duración do monólogo, que ascende ás dúas horas, fai que cara ao final a atención da persoa espectadora caia un pouco.
Los días ajenos, a pesar de ser un traballo cunha áncora literaria, que partiu das páxinas de libros e diarios, conecta coa vida e demostra a habelencia do artista non só para ler e escribir, como el mesmo nos di, senón tamén para a narración oral, xa que parece que nos estivese a falar todo o tempo directamente e sen guión, xerando moitos momentos de empatía e proximidade por parte do público, que en Cangas se puxo en pé e aplaudiu con forza.