[CRÓNICA] Un xogo de tensións
A compañía Producciones Come y Calla presentou na clausura da 40ª MITCFC Contracciones, interpretada por Candela Peña e Pilar Castro. O espectáculo, dirixido por Israel Solà a partir da versión de Jorge Kent do texto de Mike Bartlett, explora arredor da invasión crecente das grandes compañías na intimidade dos seus empregados e empregadas, levándonos pouco a pouco do realismo que se nutre do recurso da esaxeración ao surrealismo, aínda que mantendo todo o tempo un pouso de conexión coa realidade que nos deixa unha sensación de desacougo. Afóndase na deshumanización, no control e na invasión; na manipulación que exercen as empresas e na indefensión por parte da persoa empregada, ata aceptalo como algo inevitable e do que non se pode fuxir, por non ver outras alternativas, algo que se alimenta do medo a perder o traballo en tempos de crise económica.
A peza ten momentos en que non sabes se rir pola esaxeración das situacións, ou remexerte na butaca, porque hai algo perverso de fondo nese xogo continuo entre o realismo e o humorismo, que pode mesmo facer conectar con experiencias propias, aínda que non cheguen ao nivel do que se nos conta na peza, aínda que queden nalgo máis sutil. O humor está moi ben trazado, e vén dado por como van apertando as situacións, nun xogo de tensións que xera unha comicidade mesturada con
estrañeza e un certo mal corpo, cun punto acedo que mesmo se vai achegando ao humor negro.
O espazo escénico remite a un despacho frío e impersoal, cuns paneis luminosos ao fondo que comezan en branco e negro e que pouco a pouco se van tinguindo de vermello, a medida que aumenta a tensión. Esta prodúcese nas escenas, grazas á destacada interpretación das dúas actrices, que son quen de meternos na historia e ir facéndonos transitar dende o riso ata á tensión, a medida que avanza a trama, que se presenta de xeito fragmentario, a través dunha serie de escenas que recollen os
encontros entre Emma, interpretada por Candela Peña, e a súa xefa, interpretada por Pilar Castro, ao longo do tempo, nunha sucesión de repeticións con variación. É moi importante o contraste que establecen entre as dúas personaxes, e a capacidade de Pilar Castro para manter todo o tempo o seu papel, sen soltar nin por un intre a tensión necesaria, que é a que fai que nunca nos abandonemos de todo ao riso, porque a pesar do surrealista que nos pareza o comportamento da súa personaxe,
sabemos que ela vai en serio, cunha actitude e unha enerxía que xeran incomodidade; así como a de Candela, para xogar os diferentes matices que require a súa personaxe e pasar da contención ao desbordamento, nese gume da navalla do humor que non nos deixa bo corpo en toda a peza, cun final que fai o nó na tensión, para que a levemos para a casa.
Esa tensión refórzase nas transicións, con música e sons rítmicos de intensidade, acumulación e volume crecentes; co cromatismo das luces que se volve cada vez máis saturado e coas accións que desenvolve Pilar Castro, que van gañando agresividade, xunto coas dese empregado-figura coa cabeza cuberta, que entra para limpar e manipular a escena e xera tamén intranquilidade coa súa presenza. Contracciones é, pois, unha peza moi ben construída dramaturxicamente e moi ben interpretada, coa vontade de levarnos pouco a pouco do riso á inquedanza, e facer que acabemos pensando en que estamos a ceder nós, en que e como estamos nós a deixar que as grandes empresas, e non só no plano laboral, controlen os nosos datos e a nosa intimidade.