'El castillo de Lindabridis', a crónica
Despois do emotivo pregón da actriz Patricia Vázquez, a compañía Nao d’amores inaugurou a 41ª MITCFC. Fíxoo con El castillo de Lindabridis, de Calderón de la Barca, baixo a dirección de Ana Zamora, quen recibiu o Premio Nacional de Teatro en 2023 “pola súa recuperación do patrimonio teatral español medieval, renacentista e prebarroco durante máis de 20 anos á fronte de Nao d’amores, con excelentes resultados e achegándoo ao gran público”.
O traballo, coproducido pola Compañía Nacional de Teatro Clásico, é un reto escénico, pola súa complexidade. Porén, ese desafío é amplamente superado grazas ao impresionante exercicio de artesanía que desenvolve o seu equipo. Este non é un dos textos máis coñecidos de Calderón; a directora segoviana escolleuno precisamente para poder facer unha nova achega ao repertorio clásico español, así como pola súa conexión coas épocas previas, amplamente traballadas por ela. Trátase dun divertimento palaciano barroco que se inspira nas novelas cabaleirescas e que representa a época medieval ideada polo Renacemento. A pesar da lixeireza aparente dos divertimentos e a súa tendencia á comedia, así como, neste caso, da inclusión de elementos de acción e fantásticos, como o castelo voador ou a figura do Fauno, non é unha peza sinxela de cara á recepción, sobre todo para un público non “especializado”, tanto pola trama, como pola elaboración do verso e os cambios que se desenvolven de personaxes ou no propio argumento, ademais de que suscita fondura nos temas, nas cuestións arredor do xénero e da identidade, nos roles de Lindabridis e Claridiana e as novas capas que se abren nesta montaxe, ou no propio conflito existencial do Fauno arredor da súa natureza.
A música, as coreografías e as transformacións do espazo fían e dinamizan, xa que logo, unha peza cun ritmo algo lento, debido á complexidade do texto e dos elementos da trama. O traballo das e dos intérpretes musicais, que tamén actúan dentro da posta en escena, xunto cos enxeñosos deseños de escenografía e de vestiario, axudan pois a gañar a atención, polo xeito en que se van transformando, dun xeito aparentemente sinxelo, pero moi ben ensamblado e atraente, con entidade propia, e que descarga o texto. Tamén contribúe especialmente a gañar axilidade o magnífico traballo que fai o elenco actoral para achegar ao público o elaborado verso da peza e quitarlle peso e como o acompañan co canto e dialogan xestualmente con el.
O público de Cangas permaneceu atento ao texto e á súa trama e agradeceu os momentos de complicidade, en que puido soltar o riso ao resoar con algúns dos versos, ou quedar abraiado polo fermoso traballo artesanal que se estaba a desenvolver ante os seus ollos e ouvidos. Aplaudiu con intensidade e se houbo algo que non entendeu iso quedou amplamente desculpado, como o propio texto pide na súa captatio benevolentiae final.
Lugar e data: Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Auditorio Xosé Manuel Pazos Varela, 27 de xuño de 2024.