Skip to main content

As fendas da ficción [Crítica de 'Ensaio técnico']

  • Ana Abad de Larriva
  • Críticas

Desconcerto quizais sexa a palabra que resuma a sensación coa que quedei despois de asistir na 43MITCFC á estrea de Ensaio técnico, de Mickaël de Oliveira, na coprodución entre Colectivo 84, o Centro Dramático Galego e a Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia; que o autor xa puxera en escena en Portugal con Colectivo 84 e Teatro Oficina. A sinopse recolle que quere propor “unha reflexión sobre o traballo artístico, os seus límites éticos e a complexa relación entre ficción e documental”. Porén, máis que saír reflexionando sobre esas cuestións, saín sen poder parar de pensar arredor da propia obra.

Ensaio técnico preséntanos un grupo de mozas e mozos actores que, logo de participar nun obradoiro internacional de performance, ao volver a Galicia decidiran fundar unha estrutura independente dedicada á performance continua e aberta. A primeira parte acolle o formato dunha presentación ou conferencia, na que falan ao público da súa experiencia. Nela combínase a ficción con elementos da autoficción, ao levaren os personaxes o nome das actrices e do actor; e empréganse referentes escénicos e bibliográficos, e filmacións de prácticas performativas propias, para reforzar a compoñente documental e o limiar entre o real e o ficcional, á hora de falar das artes performativas e de prácticas vinculadas a elas, centrándose nalgunhas extremas. Pregúntome se iso non contribuirá aos prexuízos do público xeral cara á performance en conxunto, non só cara a aquelas prácticas máis próximas aos límites da sensibilidade.

Porén, hai un humor subxacente, un ton de parodia, ou mesmo sátira, sutil, naquilo sobre o que falan que contribúe a facer unha crítica das concepcións e prácticas artísticas extremas, e que, nalgúns momentos, se mestura cunha certa tensión (coa proxección dos vídeos que ilustran as supostas prácticas que desenvolveron, que inclúen autolesións, vómitos e inxestión de restos orgánicos humanos..., e fan que algunha persoa espectadora peche os ollos e mesmo alguén marche), pero ata nela parece manterse ese humor que descoloca e resulta interesante, que non sabemos onde nos vai levar. Tamén agroma nas friccións entre eles ou cando se nos presenta a personaxe ausente, só visible a través dunha gravación grupal, o líder do colectivo, que imos descubrindo que faleceu levando ao límite algunha práctica extrema. Quizais contribúe a ese lixeiro efecto cómico o ton das filmacións ou que, aínda que o elenco sitúe as experiencias nun centro en Austria e logo dentro do seu colectivo, se vexa que algúns vídeos foron gravados nas aulas da ESAD. Esas pequenas fendas entre realidade e ficción manteñen o público atento.

De súpeto, a cámara, da man de Fábio Coelho, que fora gravando o elenco en directo e proxectando a imaxe na parte posterior do escenario, xerando unha interesante duplicidade e ofrecendo outros puntos de vista, cobra o protagonismo absoluto na segunda parte do espectáculo, que se desenvolve fóra de escena e que para o público se volve mediada. Abraia como se consegue recrear unha discoteca e xerar o ambiente, así como o traballo detrás e diante da cámara. Porén, nesta parte, polo reforzo do código ficcional, ás fendas previas na construción da ficción únense novas fendas, que fan que os conflitos e tensións dos personaxes non acaben de traspasar a pantalla e que os efectos do final tamén se dilúan.

Ensaio técnico aborda, pois, temas relevantes mediante apostas moi interesantes, mais que parece que non acaban de artellar, como se quedase, facendo honor ao seu título, nun ensaio técnico. Emporiso, consegue facernos pensar sobre elas dende a propia obra, nunha reflexión metateatral desconcertante e valiosa.

Lugar e data: Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela, 25 de xuño de 2026.

FaLang translation system by Faboba