• Inicio
  • A Mostra
  • Actualidade
  • Bob Pop: “Ata o 23 de xullo, debemos loitar e mobilizarnos para evitar a invasión dos bárbaros”

Bob Pop: “Ata o 23 de xullo, debemos loitar e mobilizarnos para evitar a invasión dos bárbaros”

Crítico de televisión, experto en moda, columnista, escritor, blogueiro, actor, guionista… Roberto Enríquez Figueras (Madrid, 1971), popularmente coñecido como Bob Pop, é un animal mediático que se converteu en ídolo e referente para moita xente. A pesar da súa nada falsa modestia, a Bob non lle queda outra que recoñecer que está a vivir momentos gloriosos. E faino coa sensatez e a ilusión dun comunicador excelente. Dunha persoa que non concibe a vida nin a arte sen altas doses de compromiso social e intensidade emocional.

P- O ano pasado a pandemia impediu que actuases en Cangas. Este ano, por fin, poderás subirte aos escenarios na que é xa a 40 edición da Mostra. Coñecíala?

R- Oíra falar dela, pero non estivera nunca aquí. Si estiven moitas veces noutras cidades galegas e coñezo bastante Galicia. De feito, téntame moito como refuxio climático.

P- ‘Los días ajenos de Bob Pop’ é un espectáculo de voces e memoria creado e interpretado por ti a partir dos teus libros 'Días ajeos'. Como decides levar o texto literario ao teatro?

R- Cando a editorial me expón as presentacións, estas quedábanme curtas. E pensei que, ademais de contar o libro, podía ser moi bonito contar o que non se conta nel, os inter-actos, as tripas, … É a escusa perfecta para acabar contando unha chea de cousas da miña vida. Para falar de literatura, narrar as miñas experiencias e escoitar un puñado de cancións que me representan.

P- Como está a resultar a experiencia?

R- Marabillosa. Levo catro anos desde que estreei, case de maneira clandestina, no Teatro del Barrio. Traballar xunto a Andrés Lima, codirector da obra, faino todo máis fácil. El dáme sempre moitas pistas e achega moita sabedoría ao proxecto. Desde entón, a peza foi crecendo, cambiando e cada presentación é diferente.

P- Bob Pop é xa todo un fenómeno que esperta interese e admiración nun público diverso. A que cres que se debe este éxito?

R- Encantaríame sabelo (risas). É todo un descubrimento que me enche de felicidade porque me encanta gustar á xente. Non sei onde está o secreto de que guste o que fago. Quizais é que vou sen coraza. Sen filtros. Tento contar as cousas importantes con humor e con tenrura. Sen barreiras. Sen diferenciar entre alta e baixa cultura.

P- Como decides dar o salto aos escenarios?

R- Todo vén pola enorme aprendizaxe de plató con público que tiven no programa con André Buenafuente. Aí descubrín que o público me pon moi atómico e todo mellora cando o teño diante. Agora creo que o teatro é o único espazo verdadeiro de liberdade. A medida que vemos como ascende a ultradereita, penso que aquí podemos atopar o verdadeiro refuxio.

P- Sénteste actor?

R- Chamarme actor é moi atrevido porque eu só me sei interpretar a min mesmo, pero gústame estar diante do público. A min éncheme de enerxía e ponme moitísimo as pilas.

P- Facías mención antes ao ascenso da ultradereita. Como vives as censuras que estamos a ver por parte de gobernos de PP e de Vox dalgunhas obras e espectáculos?

R- Por unha banda, vívoo con horror e, por outra, con moita enerxía. Ata o 23 de xullo debemos loitar e mobilizarnos para non perder un só voto de esquerdas que poida evitar a invasión dos bárbaros. Non podemos dar a partida por perdida. Debemos mobilizarnos, falar e tentar construír entre todos, todas e todes un mundo máis feliz. Vou pelexar contra esta censura promovida pola ultradereita e todo o que representa PP e Vox, que é un pesadelo.

P- Tamén vemos nos medios moitas agresións e actitudes homófobas e intolerantes. Hai realmente máis ou vense máis?

R- Todo o que estamos a ver con horror penso que é a reacción de quen cría que o tiña todo atado e ben atado e agora ve como desde colectivo LGTBIQ+ e o feminismo se conseguen avances que moven os seus privilexios. O que si creo que é certo é que agora as agresións parecen estar máis lexitimadas. Parece que as mensaxes de odio son máis visibles e audibles, por iso a nosa misión é acabar con todo ese odio e aumentar os lugares de refuxio Seguir traballando para que as leis estean do noso lado.

P- E que podemos facer?

R- É a nosa obrigación construír refuxios e lugares seguros. Non imos mal encamiñados e a sociedade cambiou moito desde a miña adolescencia. As escolas e institutos son cada vez máis permisivos, máis lóxicos, humanos e intelixentes. O noso traballo é facer o que estea nas nosas mans para permitir que sigamos avanzando.

P- Que se vai a atopar o público o venres no teatro?

R- Vai atopar un espectáculo que mestura risa e tenrura. Amor pola palabra, os fracasos, falsos éxitos, todo o que a todos os humanos nos conmove.

Contacta coa MITCFC

Auditorio Municipal de Cangas
Avenida de Lugo, 36940 Cangas, Pontevedra

Tel.: +34 986 30 41 08
Descargar información como: vCard

Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
© MITCFC. Todos os dereitos reservados.
Deseño: Diego Seixo.