Amelia Tiganus: "Non podemos chamar clientes aos 'puteros'. Non é o mesmo comprar pan que un instrumento para exacular"
Amelia Tiganus é unha activista feminista, nacida o 11 de marzo de 1984 en Galati, Romanía. Aos 17 anos chegou a España tras ser comprada por un proxeneta. Tras cinco anos de explotación sexual -de 2002 a 2007- logra saír do sistema prostitucional. É autora do libro 'A revolta das putas. De vítima a activista' (2021) no que, ademais de narrar a súa experiencia, defende o abolicionismo como camiño para enfrontar a prostitución e combater a trata de mulleres e nenas. Amelia conseguiu refacer a súa vida en Euskadi. Ademais de escritora, tamén é formadora en varios cursos e talleres de sensibilización e prevención a prostitución e a violencia sexual. Nos últimos anos, recibiu varios premios e recoñecementos ao seu labor en prol dos dereitos humanos das mulleres e as nenas, como o ‘Recoñecemento ao compromiso mostrado por lograr unha sociedade libre de violencia contra as mulleres’ entregado en 2019 polo Ministerio de Igualdade e o Goberno de España. E este sábado, recibe o Premio Abrandares en Acción 2023.
P- Un recoñecemento ao teu “compromiso, valentía e determinación en combater a trata e a explotación sexual de mulleres e nenas”. Como senta un premio coma este?
R- Un premio como este éncheme de enerxía. E de alegría tamén porque nisto de dar, dar e dar; de loitar, loitar e loitar só o recoñecemento das miñas compañeiras me nutre e me dá fortaleza. Isto é o impulso que necesitamos nunha loita tan importante para todas as mulleres.
P- Coñecías a Mostra e o traballo de Mulleres en Acción en Cangas?
R- Honestamente debo dicir que non o coñecía, pero ao descubrir a traxectoria, percorrido e a importancia da Mostra sentínme dobremente orgullosa de poder compartir tempo, espazo e formar parte a súa historia. En ‘Mulleres en Acción’ vemos a mulleres revolucionarias que se posicionan na arte e noutras disciplinas. Mulleres que fan un traballo que ofrece non só beleza, senón que tamén politizan co que fan e co que ven. Todas temos algo en común: non nos conformamos con ser musas. Queremos ser as protagonistas e tamén as antagonistas da historia.
P- Con 17 anos fuches captada en Romanía e vendida a un proxeneta español sendo obrigada a malvivir en clubs de alterne durante anos. Refíresche a estes lugares como “campos de concentración de mulleres”. Como é posible que aínda existan?
R- Esta é a pregunta que nos repetimos as mulleres feministas. Creo que aí entramos nun terreo importante de analizar porque a prostitución forma parte da industria globalizada, do crime organizado. Non só se trata de explotación, senón tamén de crime organizado, moitas veces institucionalizado. A prostitución move 5 millóns de euros ao día en España, que é o maior consumidor de prostitución do mundo, despois de Tailandia e Porto Rico. Son homes que pagan por penetrar a unha muller en concepto de lecer e diversión. É unha escravización. Son os 'puteros' os que financian ao crime organizado. O seu brazo executor. Os que xeran danos terribles ás mulleres, físicos e psíquicos.
Sobrevivir a estes campos de concentración de mulleres, se non nos matan ou nos suicidamos antes, xa é un logro. Nestes lugares séguese destruíndo a vida de mulleres e nenas do sur global, do leste de Europa, … Romanía é o maior exportador desta “mercadoría”. Pero tamén aquí pasan cousas. Cada vez máis novos son captadas e introducidas no mundo da prostitución e pornografía a través de redes como Instagram ou OnlyFans. Aprovéitanse da vulnerabilidade das nosas fillas. Cando son adolescentes e moi novas queren transgredir e ser libres. E a esas idades é moi fácil que alguén te manipule se che prometen que indo con eles vas ser libre.
P- En canto aos homes que demandan prostitución tes unhas categorías elaboradas de “clientes”, puteros. Cales son?
R- Primeiro debemos aclarar que non son clientes, porque non é o mesmo comprar pan ou leite que comprar un instrumento para exacular. Son 'puteros' e discrimineinos en tres categorías en función de como nos tratan:
Por unha banda, os ‘puteros simpáticos’: non só buscan satisfacer o seu desexo sexual, senón tamén o seu desexo emocional. Queren que fagamos como unha representación do que é unha noiva amorosa e cariñosa. Por un billete non só queren sexo, senón que tamén queren comprar afecto ou recoñecemento. Na prostitución, o máis buscado son prácticas ou moi violentas ou unha experiencia “GirlFriend”. Igualmente estante escravizando porque teñen diñeiro, algo que a eles lles sobra e a ti che falta.
Outro sería o ‘putero macho’, que busca reforzar a súa masculinidade en base ás mulleres que penetra. Van de bos amantes. Pagan por esa fantasía de macho ibérico, de que el satisfai a mulleres con ríos e ríos de orgasmos. Para eles, as demais mulleres son monxas que non os aprecian. Son homes que replican o que hai no porno, que para nós é algo que para nada está ligado ao pracer.
O terceiro putero é o ‘sádico’. Quere exercer sadismo sen que iso repercuta sobre a súa vida. Sen ser interpelado. Para eses 'puteros', os clubs de alterne son lugares libres de feminismo onde levar a cabo prácticas denigrantes, violentas e satisfacer os seus desexos de forma impune a cambio dun billete. Esta é a dobre vara de medir desta sociedade capitalista. Se hai diñeiro por medio, todo vale.
P- E todos eles teñen en común...
R-... que son machistas e pensan que as mulleres estamos para satisfacer os seus desexos. Ademais, parecen non ter claro que o dereito de querer satisfacer as súas necesidades acaba onde empezan os dereitos humanos doutras persoas.
P- Téntase suavizar a prostitución utilizando o eufemismo de “industria do sexo”. Estamos a branquear as atrocidades que hai detrás do sistema prostitucional?
R- Si. Con este concepto de traballo sexual estamos a diluír o que representa esta realidade. Este conflito de traballadoras sexuais nace de proxenetas que tentan pasar por respectables empresarios do sexo e da noite.
P- Falas sen andrómenas do Estado proxeneta. Que papel xogan os gobernos na pervivencia da industria do sexo?
R- Os gobernos non van actuar se a sociedade non o esixe. Temos que seguir loitando para parar estes campos de concentración de mulleres. Aínda que non o creamos, hai un lobby proxeneta que actúa nos sitios de poder facendo presión. Chantaxeando aos propios políticos con informacións. Hai decisións que algunhas veces se toman nos propios puticlubs. Este tema xa conseguimos que estea na axenda política. Agora hai que levalo á axenda social. Que pais, profesores e toda a sociedade vexa como se manipula aos nenos para convertelas a elas en putas e a eles, en 'puteros'. O crime está na casa e nos petos dos nosos fillos. Debemos criar ás nosas criaturas para que poidan ser persoas e non cousas.
P- Grazas ao teu activismo, moitas persoas empezaron a reflexionar sobre a prostitución. Como valoras esta experiencia?
R- Ten as súas cousas boas e malas. Estar tan exposta ao final pasa factura. Nós sabemos o que custa compartir algo así. Contar cousas denigrantes sacódenos por dentro. Pero estou moi agradecida porque a xente, cando me ve e me escoita, aprecia a miña presenza e o esforzo intelectual que fixen. O que recibo a cambio de contar por todo o que pasei é moi bo. Porque se crea como unha capa de protección. Canta máis xente me coñeza máis protexida estou.
P- Segues tendo medo?
R- Eu vivín sen medo durante moito tempo. Cando todo é medo nada é medo porque tes que saír adiante. Nos últimos anos estou a volver á vida grazas á terapia. Son consciente dos riscos aos que me enfronto. Porque viaxo moitas veces soa e sei que é fácil sacarme da estrada. Estou a tocar e a falar de cousas relacionadas co poder. Son consciente de todo iso, pero sigo adiante empuxando porque o meu maior desexo é que ningunha nena nin muller teña que pasar polo que eu pasei.
P- “O feminismo salvoume a vida”, aseguras. Como e por que?
R- Non é que me sacase fisicamente do puticlub. Descubrín o feminismo con 30 anos, xa fóra dos clubs, e descubrín que a miña historia non só era miña senón unha historia tremendamente política. Quitóuseme un enorme peso de encima e desfíxenme aos poucos do medo, da culpa e da vergoña. Foi un momento determinante para decidir que ía dar a cara e que ía facer algo para acabar cos campos concentración nesta sociedade. E esta decisión deu sentido a moitas cousas.
P- "Despois de cinco anos colapso, tiven que asumir que tiña que saír de aí porque xa non podía facer o papel da puta feliz". Puta feliz non é un oxímoron?
R- Para nós é un oxímoron, pero eles pagan para iso. Na prostitución, tes que facer todo cun sorriso na boca, de aí a frase ‘mulleres de vida alegre’ para referirse ás prostitutas. Para os proxenetas é un negocio e os puteros din que para amargadas xa teñen ás súas ‘parientas na casa’. Utilízannos a unhas e a outras porque o mundo llo permite. Temos a presión de estar sempre alegres e facer a performance de puta feliz. Cando non a fas, bótante porque xa ninguén vai pagar por ti. Pero no teu lugar van entrar outras mociñas que cren que nun par de anos van cambiar a súa vida para ben.
P- Estamos a asistir á constitución de gobernos municipais e autonómicos con homes e mulleres con responsabilidades políticas negando a igualdade, o machismo e a violencia de xénero. Dáche medo o retroceso?
R- Por suposto. Estamos preocupadas e non sei se sinto medo ou máis ben preocupación. Pero non é ningunha sorpresa, viámolo vir. Pero temos a esperanza de que agora esteamos máis articuladas para facer fronte a isto e atopar unha estratexia máis eficaz. Dá medo porque estes días lin que unha concelleira de Cultura de Vox prohibiu a representación dunha obra de Virginia Wolf. O neofascismo xa está aquí, témolo enriba.
P- Como ves o futuro das nenas e adolescentes?
R- O que vemos é un retroceso absoluto a través do porno. A pornografía está a facer un dano incalculable e non sabemos as consecuencias reais. Estas criaturas están expostas a imaxes pornográficas desde os 8 anos e hai quen pensa que non se pode alcanzar o pracer sen causar desfeitas nas mulleres.
P- Unha mensaxe positiva para acabar esta charla…
R- Algo positivo é que creo que cada vez hai máis consciencia do que é o feminismo. No ano 2018 abriuse o feminismo a toda a sociedade incorporando a moitas persoas. Existe máis participación, interese e coñecemento e somos máis e máis as que nos plantamos para que esta sociedade cambie e sexa máis xusta.