Tanxarina: "Estamos moi orgullosos destes 40 anos de traxectoria e si, somos realmente resistentes da profesión. A moita honra e con moito gusto"
Andrés Giráldez Río, Eduardo Alberto Rodríguez Cunha -‘Tatán’- e Miguel Borines Fernández son os tres integrantes da compañía galega de títeres ‘Tanxarina’. Esta ano, co gallo do 40 aniversario da súa creación, a Mostra de Cangas outórgalles o Premio Xiria ao Labor Teatral recoñecendo o seu traballo como referente indiscutible das artes escénicas e da historia deste país. Aquí podedes ler unha divertida entrevista coral na que falan do pasado, nos contan os mellores e peores momentos da compañía e nos revelan cal é o agasallo que queren recibir para celebrar estes 40 anos.
P- Xa levades catro décadas ás vosas costas. Como lle están sentando os anos a Tanxarina?
R- (Andrés Giráldez) Eu profesionalmente catro décadas non levo. Eu levo dúas décadas e pico, que xa é bastante, de forma profesional. Como afeccionado e incluso como espectador levo catro décadas e moito máis con eles. E debo dicir que estes anos sentar sentáronlles moi ben. Non sendo pequenos achaques de saúde de certos membros da compañía e non quero nomear a ninguén (risas). O resto teño que dicir que todo foi moi ben porque nesta profesión non podes deixar de aprender. Espectáculo tras espectáculo. Ano tras ano. Incluso día tras día non podes deixar de aprender. Agora estamos na mellor época.
P- A organización da Mostra destaca que sodes un “referente indiscutible das artes escénicas e da historia deste país”. Sodes conscientes de todo o que levades feito polo teatro de monicreques e obxectos?
R- (Miguel Borines) Vaia por diante o moito que nos queren os amigos e amigas da Mostra, porque o de referente indiscutible é bastante discutible (risas)... Non sei se somos conscientes de todo o que levamos feito porque o noso traballo é moi do día adía. Un non vai pensando no que vai deixando atrás senón no que ten por diante. Se volvemos a vista atrás, o que máis pesan son todas as experiencias vividas, as viaxes realizadas, as horas e horas e máis horas de taller construíndo monecos e escenografías. É difícil avaliar e ver que significa a traxectoria de Tanxarina en Galicia, pero o que si podemos dicir é que estamos moi orgullosos destes 40 anos de traxectoria e si, somos realmente resistentes da profesión. A moita honra e con moito gusto.
P- Que é para vós a Mostra de Cangas?
R- (Tatán) A Mostra para nós é unha referencia porque é un dos festivais máis importantes que se fan no sur de Galicia. En concreto, nós participamos moitas veces na programación de Cangas non só como compañía, senón tamén como contribuíntes para que o festival sempre vaia adiante. E tamén nos consideramos espectadores privilexiados da Mostra. É tan importante para nós este festival que vos podo dicir que nos anos 90 estreamos aquí ‘Trogloditas’. E isto é moi importante e significativo. Indica o noso cariño pola Mostra, pola organización e por toda a xente que a leva adiante.
P- Onde se atopan as orixes de Tanxarina?
R- (Miguel Borines) Probablemente nun grupo de amigos de Redondela no que xa estaba Tatán, Martina, Jacinto, Xermán e eu mesmo. Xuntos fixemos un espectáculo dentro dunha barraca de monicreques actuando como se foramos bonecos. Despois diso, Tatán marchou a Barcelona a estudiar manipulación e construción de marionetas cun mestre inglés, Harry V.Tozer. Alí coñeceu a Esther Cabacés, estivo con Marga Maderal e Elías González, dous profesores de Vigo, e, cando eses catro regresaron a Galicia, primeiro montaron unha pequena compañía de teatro de rúa que, uns anos despois, cristalizou en Tanxarina. Co tempo foise sumando máis xente e outros marcharon, como Marga e Elías, que optaron polo ensino. En realidade, somos herdeiros dos estudos de Tatán e de Esther en Barcelona.
P- E como se vos ocorreu ese nome tan fermoso e sonoro?
R (Miguel) Como moitas compañías, fixemos un listado inmenso de nomes que nos gustaban. E Elías suxeriu Tanxarina porque a súa avoa vivía alá pola zona de Arbo, onde a fronteira entre Galicia e Portugal é un Miño moi pequeniño, non é o Miño que está na Guarda. E loxicamente a fala, folclore e gastronomía están moi positivamente contaminadas unhas con outras. Nesa zona chámanlle ás mandarinas tanxarinas, que é contaminación do nome portugués, tangerina. Uns anos máis tarde quixemos mudalo pero xa non había xeito porque todo o mundo nos coñecía.
P- Botando a vista atrás, cal credes que foi o momento ou a época máis feliz da compañía?
R- (Tatán) Creo que houbo varias épocas felices. Foron moitos os proxectos nos que estivemos involucrados. Un dos máis bonitos foi poder estar presentes no anos 2000 na creación do Festival de Títeres de Redondela porque non só potenciaba o noso traballo, senón tamén a profesión en xeran en Galicia e fóra dela. Hoxe ese Festival aínda goza de moi boa saúde. Despois, como compañía, hai un momento de inflexión nos anos 90, cando facemos ‘Coca, a volta da besta’, onde levamos adiante un espectáculo con 16 persoas nunhas condicións bastante complicadas. Pero creo que a ilusión e a felicidade daquel momento é inenarrable porque colaborou con nós moitísima xente incluso do Morrazo, Teatro Kaos. Para nós foi un grandísimo pracer.
P- E a etapa máis dura que vos tocou vivir?
R- (Andrés) Nunha compañía de teatro de títeres sempre hai altos e baixos, sempre andamos con épocas máis boas e máis malas. Agora recordo unha época antes de facer o espectáculo ‘A galiña azul’, onde estivemos meses traballando todos os días pero sen cobrar un duro durante meses. Sempre había esas caras un pouco máis tristes, pero nunca perdemos a ilusión de manter a compañía e tirar para adiante. Ás veces vale a pena sufrir un pouquiño.
(Tatán) De feito esa época tan dura rematou co Premio María Casares, como mellor espectáculo infantil, e co Premio Fetén ao mellor espectáculo de títeres. É dicir, que ás veces das duras veñen as maduras.
P- A principios de século, os actores-manipuladores de Tanxarina explorades unha nova faceta participando en montaxes teatrais e producións audiovisuais. Como está a resultar esta experiencia?
R- (Miguel) Bastaría con dicir que seguimos nas mesmas. A primeira vez que traballamos actoralmente fóra da compañía foi coa xente do Morrazo, con Celso Parada, con Teatro de Ningures. Eles son os nosos mestres. Demos con eles os nosos primeiros pasos actorais sen soporte de ningún tipo de monecos nin forma animada. Foi en diferentes espectáculos en Teatro do Morcego, Teatro de Ningures e de Producións Teatrais do Sur, aquela compañía que montaramos entre as tres estruturas. Non paramos de medrar desde entón. E dámonos conta ás veces, cando gravamos algo e facemos algún papel máis potente, que, efectivamente, aprendemos moito. Somos capaces de manter papeis importantes en producións teatrais e audiovisuais. E para nós son un complemento económico importante e fantástico para axudar a que Tanxarina que se manteña nos momentos complicados. Non paramos de actuar tanto en curtas, en series, películas e producións teatrais. E que isto siga, porque estamos encantados con esa dimensión do noso traballo.
P- A Compañía ofrece tamén cursos de construción e manipulación de títeres, máscaras e cabezudos para educadores, escolares e profesionais da animación socio-cultural. Como vos sentides neste papel de docentes?
R- (Tatán) Xa desde o principio, no ano 1983, faciamos este tipo de traballos. Había necesidade por parte das escolas para facer cursos e crear cos rapaces. Entón creamos cursos e afección polo teatro de títeres. E niso sentímonos como peixe na auga. É unha actividade moi moi moi gratificante e pensamos que estimula que os rapaces e rapazas poidan ter un futuro tamén titiriteiro.
P- Como vedes o futuro do teatro de monicreques?
R- (Miguel) Imparable. Agora mesmo todas as artes, especialmente as escénicas desfrutan dunha gozosa e moi creativa contaminación. Hoxe en día podemos ver un espectáculo de títeres que ten mapping por detrás e actores por diante, bonecos con manipulación oculta ou á vista,... Creo que o teatro de monicreques, o teatro en xeral, sempre vai ter futuro. Non tanto como profesión, pero si como arte. Nada pode substituír a un actor ou actriz enriba dun palco mirando os ollos do espectador, sentindo o que o espectador sinte que é o que actor consegue que sinta. Iso non hai pantalla nin videoxogo que o poida dar.
(Tatán) Este futuro xa está apuntalado porque nos últimos anos xa existen diversos festivais en toda Galicia, en Santiago, en Lalín, en Redondela, e iso son pezas fundamentais. Primeiro, para facer medrar a profesión, para poderse comunicar con outros grupos que veñen de fóra e que fan que nós tamén dignifiquemos e creamos na nosa profesión. Por outro lado, están as redes de teatro, que deberían contemplar a actividade dos titiriteiros, porque a noto un pouco en baixa forma.
P- Cal é o mellor regalo que vos poderían dar polos vosos 40 anos de traxectoria profesional?
(Tatán) A min con que me dean unha boa aperta, cariñosa, agarimosa, forte e que me ‘estrujen’ ben eu xa estou contento.
(Miguel) Que sexan dúas!
(Andrés) Eu tamén quero unha desas!
(Os tres) E ademais que programen un pouquiño máis de títeres.
(Miguel) Queremos unha aperta ben grande de todo o mundo. Do público, da profesión, dos técnicos, dos que traballan abrindo as salas, dos que venden ‘palomitas’ nas salas,...