Cangas inaugura a súa gran Semana do Teatro coa estrea absoluta de ‘Nacidas libres’
A 34 edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) arranca este venres 30 de xuño (22.30 horas no Auditorio de Cangas) coa estrea absoluta da obra ‘Nacidas libres’, unha coprodución da compañía Contraproducións e a propia Mostra. Cándido Pazó, que este ano recibirá o premio Xiria á Labor Teatral, é o autor desta obra, que narra a historia de catro actrices que atravesan unha idade na que corren o risco de non atopar papeis femininos e non poder seguir adicándose ao mundo do espectáculo. Fartas de non recibir ofertas de traballo, deciden autoempregarse e montar unha peza partindo dunha noticia aparecida nos xornais: "A policía rescata tres monxas indias retidas contra a súa vontade nun convento de clausura en Santiago".
A dirección da obra está nas mans de Cristina Domínguez, quen destaca a estructura deste espectáculo xa que “é un traballo sobre o teatro dentro do teatro”. Domínguez explica que o argumento de Nacidas libres “ten que ver co noso traballo diario”, utilizándose un oficio para falar da vida real e da actualidade. A directora destaca a “fantástica” relación que existe coas catro actrices. “Traballamos todas intensamente. Son mulleres comprometidas que conseguen crear, defender e contar a historia de personaxes cribles”, afirma.
Susana Dans é unha das actrices da obra e, ao fío da montaxe que mañá se estrea en Cangas, afirma que “hai moitos cárceres, pero os peores teñen xénero feminino”. Dans destaca que Nacidas libres é unha obra que“fala da liberdade das mulleres e está feita por mulleres con certo grao de humor”. Casilda Alfaro, outra das actrices, fai referencia a unha das frases que se din na obra: “Que se diga que algo non é verdade tampouco significa que sexa mentira”. Alfaro, responsable de Actividades Paralelas da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, subliña que se trata dunha obra “que ten emoción, que fai reflexionar e ten humor”. Rocío González é outra das protagonistas, quen destaca “o compromiso e a reflexión de catro actrices sobre o que acontece na actualidade”. Rocío González afirma que o público que asista á estrea de Nacidas libres gozará dun “espectáculo ameno e divertido”. Mónica Camaño completa o elenco e, a raíz da obra formula unha pregunta: “Realmente nacemos libres?”. Mónica Camaño quere animar a toda a xente a ir ao teatro porque, en primeiro lugar, “todo acto cultural sempre é bo e achega cousas positivas”, pero ademais, móstrase convencida de que a peza “vai ser do agrado da xente”. “Sairán con preguntas e o que verán vailles facer reflexionar. Pasarano ben e seguro se van conmover, unhas veces ríndose e outras, emocionándose”.
As do Peixe
Autor, directora e actrices xa teñen experiencia de traballar xuntas. Este mesmo equipo sorprendeu ao público en 2013 coa obra ‘As do Peixe’, montaxe que conta a historia de catro mulleres, ex-traballadoras dunha desaparecida fábrica de conservas que, grazas a un “taller da memoria”, rememoran pasaxes da súa vida, comentan aspectos da actualidade e expresan as súas ilusións ou desconfianzas. A directora Cristina Domínguez explica que, aínda que Nacidas libres é unha peza diferente, “está feita coa mesma intensidade e amor”. Segundo relata, en ambos casos “fixemos algo baseado na vida da xente e iso é o que máis nos presionou. Son experiencias moi fermosas”.
As persoas que queiran asistir a esta obra poderán mercar as entradas a través de internet na páxina web de Ataquilla.com ou ben unha hora antes de dar comezo o espectáculo na billeteira do Auditorio de Cangas.