Skip to main content

'Fíos e Flores', exposición de Sandra Bastón e Julia Rodríguez

Dúas mulleres, dúas xeracións, dúas creadoras amosan as súas obras nunha exposición na que os FÍOS de Sandra Bastón e as FLORES de Julia Rodríguez conviven en harmonía. As súas obras, froito dun intenso traballo de investigación, estudo da cor, das texturas, dos volumes, dos materiais, sexan fíos ou flores, están creadas cunha mestura de técnicas tradicionais e innovadoras, guiadas pola súa experiencia e alimentada imaxinación. A inauguración da exposición, a cargo da alcaldesa de Cangas, Araceli Xestido, contará coa participación do grupo de pandeireta infantil As Figueiriñas da Asociación Cultural Lembranzas da Ría.

SANDRA BASTÓN é tecedeira e delineante. En 2009 interésase pola artesanía téxtil e comeza aprender o oficio. Aínda que no traballo co téxtil ten referentes na súa nai e a súa avoa, costureiras, considérase autodidacta. Dende 2013 está ao fronte do seu taller téxtil que conta co selo de Artesanía de Galicia, sendo unha das escasas tecedeiras profesionais recoñecidas pola institución. Alí crea obras de moda e complementos con tecidos diversos: la, algodón, seda e, por suposto co liño, a súa gran paixón, explorando as distintas técnicas de tecido nun tear de baixo lizo. En 2022 crea a marca Pal.lium xunto a Carlos Díaz, un destacado investigador de tecido tradicional galego co obxectivo de crear
produtos innovadores, baseados no patrimonio téxtil de Galicia. Un proxecto que acadou repercusión internacional co traballo que realizan para o Museo Nacional Thyssen-Bornemisza reinterpretando pezas da súa colección pictórica e, tamén, por deseñar produtos para o arquitecto británico, David Chipperfield.

JULIA RODRÍGUEZ, experta no prensado de flores é unha creadora autodidacta, ninguén lle aprendeu. O seu amor polas flores levouna a recoller diferentes especies nos seus paseos polos montes e, para poder conservalas, ideou un xeito artesanal de sécalas, utiliza vellas guías telefónicas que hoxe son un elemento decorativo no seu taller. En 1984 monta o seu propio laboratorio, un taller no que investiga, experimenta e crea. Corenta anos despois, Julia crea pezas orixinais, tanto por encargo como aquelas que lle dita a súa imaxinación ou, como ela afirma, atendendo ao que as propias flores lle indican. Prensa de xeito artesanal, nunca de xeito industrial e tampouco tinxe as flores. Coa súa depurada técnica crea pezas únicas, con volume, abstractas ou realistas, todas elas amosan o paso do tempo, mudan de cor e fican sempre vivas. Dende 1987 Julia Rodríguez expuxo en diversas galerías e museos de cidades e vilas galegas como a Dirección Provincial do Ministerio de Cultura, Ateneo de Ferrol, Xardín Botánico de Culleredo, Pazo
de Exposicións da Coruña, Museo Casares Quiroga, Casa Museo María Pita, Exposicións da Camelia en Galicia e Asturias e Casas da Cultura de dos Concellos de A Pobra do Caramiñal, Boiro, Culleredo, Oleiros e Sada.

FaLang translation system by Faboba