O proxecto "Memoria do teatro galego na transición", iniciado en 2023 da man da Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega, naceu para obter un rexistro audiovisual amplo dos participantes no nacemento do teatro profesional galego e os eventos da época. En 2024, dous novos episodios incorporan a máis de vinte protagonistas que abordan as artes escénicas nos primeiros gobernos autonómicos. Mentres que primeiro alude á creación do Centro Dramático Galego ata as primeiras asociacións profesionais, circuitos, festivais e sistema de axudas públicas, o segundo detense no papel das mulleres en todo o proceso de profesionalización do teatro galego. Participarán na presentación Cristina Domínguez, coordinadora da Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do CCG e Tito Asorey, director dos documentais.
O Consello da Cultura Galega é unha institución pública de carácter consultivo que ten por obxectivo a defensa e promoción da lingua e cultura galegas. Desde a súa fundación en 1983 presta atención ao desenvolvemento das artes escénicas. A través da súa Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais organiza diferentes actividades para recuperar a memoria destas artes.