VACAburra é o resultado da colisión de dúas artistas, Andrea Quintana e Gena Baamonde quenes unen as súas inquiedanzas e traxectorias nun proxecto común que xira en torno á creación escénica e coreográfica en clave contemporánea. O seu traballo está atravesado por unha mirada feminista do mundo co corpo como accionador principal das súas creación, unha danza política co humor como ferramenta necesaria.
A nova proposta de VACAburra para rúa e espazos non convencionais, unha peza para dous intérpretes sobre a imaxinación do movemento no espazo público.Ruar como un acto de investigación, saír do espazo privado, o paseo como un feito relevante, unha ensoñación que se pode converter nunha experiencia transformadora. Unha peza para paisaxes e paseantes que nace co desexo de vivir os espazos dun xeito diverso, redescubrir así o espazo público e devolverlle a poética a vida cotiá. Ruar como divertimento e como xogo, unha excursión de corpos libres, ouvidos abertos e sorriso gozoso.Andar polos camiños e rúas paseando, enredando, deixando que o corpo sexa o que propón o percorrido, sen obxectivo final na ruta, unha deriva, un deixarse sorprender polo que acontece no espazo. Un paseo escénico en forma de viaxe sonora danzada, un itinerario extraviado polo corpo, pola música e os sons. Un encontro entre dous corpos que atopan un terreo de xogo común: o espazo público como marco e escénico.