Skip to main content

Ubasute

  • Xoves, 02 Xullo, 22:00
    Auditorio Municipal
  • Compañía

    Berrobambán
  • Procedencia

    Galiza
  • Público

    Público Adulto
  • Presentación

    2025
  • Duración

    55'

Berrobambán é unha das compañías teatrais máis consolidadas do panorama galego. Dende o ano 2000 producen un total de dez espectáculos teatrais para público familiar e que tiveron un notable éxito de público, converténdose nunha das compañías galegas con maior número de espectadores. Teñen participado en programacións de Galicia, España, Portugal, Corea e Canadá e, polo medio, organizan o Asteroide B-612, a primeira programación familiar estable en Galicia e o Circo-lar, unha programación familiar para a Consellería de Cultura. O CDG encárgalle A Cabana de Baibaiga, a adaptación dun conto ruso con moita, moita música. Tamén realizan espectáculos de animación á lectura que os levaron por moitas bibliotecas e centros educativos. Neste tempo estrearon moitos espectáculos para público adulto e para público infantil e familiar.


Ubasute é un termo xaponés que significa literalmente “abandono dunha anciá” e que se refire ao presunto costume de deixar nunha montaña ou nun lugar afastado a un parente vello ou enfermo. Existen referencias dese costume na tradición oral de numerosas culturas, pero ningunha proba. Ubasute é o máis recente texto da dramaturga galega Paula Carballeira logo do seu recoñecemento co Premio Nacional de Literatura Dramática no ano 2023. Publicada pola Editorial Galaxia foi recoñecida pola prestixiosa Revista Babelia como un dos 5 mellores textos editados en galego no 2024. Así mesmo, a peza foi gañadora na categoría de Teatro dos Premios Follas Novas do Libro Galego. Ubasute é unha peza de aparencia simple máis de difícil clasificación que conxuga xéneros e abre enigmas para colocar o foco de atención na reflexión ao redor do abandono. De forma sutil e lúdica, Paula Carballeira toca temas de profunda gravidade a través dun xoguete escénico livián que brinda a posibilidade de emprender múltiples viaxes: a de acompañar o tránsito de cada personaxe e a de emprender unha viaxe interior na que cada espectadora poida recoñecerse mentres se abandona ao que queda implícito entre liñas.

  • Interpretación: Rocío González, Xosé Barato e Lez Cameselle
  • Dirección: Vanesa Sotelo
  • Dramaturxia: Paula Carballeira
  • Escenografía e iluminación: Montse Piñeiro
  • Espazo sonoro: Chiqui Pereira
  • Imaxe gráfica: Nadina - Gráfica
  • Fotografía: Seimeira
  • Distribución: URDIME, S.Coop. galega


FaLang translation system by Faboba