Demo

As novas da Mostra

Toda a actualidade da MITCFC, para que non te perdas ningunha información sobre os nosos espectáculos, eventos e demais actividades.

A 37 Mostra chega a Cangas con máis días de teatro ca nunca

Máis días de teatro ca nunca. A Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) chega á súa 37 edición ampliando nunha semana os días nos que a vila morracense será o referente nacional do teatro de humor.

O venres 26 de xuño arranca a 37 edición da Mostra, que se prolongará ata o sábado 11 de xullo. Serán en total 15 días nos que veciños e visitantes poderán ver os mellores espectáculos teatrais do momento en clave cómica. 

Ademais das obras no Auditorio Municipal, poderemos ver espectáculos na rúa, nas prazas, nas praias, na Capela do Hospital e noutros espazos alternativos. Teatro para todo tipo de públicos chegado de diferentes puntos do mundo que, como xa vén sendo habitual, encherá Cangas de vida e cultura. 

Un informe constata desigualdade, discriminación e desequilibrios salariais coas mulleres no sector audiovisual e das artes escénicas en Galicia

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), a Academia Galega do Audiovisual (AGA), Escena Galega e a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas celebran a publicación do informe A situación das traballadoras do sector audiovisual e das artes escénicas en Galicia, realizado polo Consello da Cultura Galega (CCG) a través do Observatorio da Cultura Galega. O citado informe, presentado hoxe ante os medios, culmina un proceso de dous anos e dá resposta a petición do sector para abordar en clave galega a situación do mundo laboral no noso sector atendendo ás cuestións de xénero. As citadas asociacións impulsaron o estudo en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade que, xunto a Consellería de Cultura, asinou en novembro de 2017 un convenio de colaboración co Consello da Cultura Galega para levar acabo un estudo que, hoxe, xa é unha realidade.

Eterna gratitude, Celso Parada

Ás artes escénicas galegas, e do Morrazo en particular, vén de rompérsenos o corazón. Celso Parada, actor, director, empresario teatral e alma creativa de Teatro do Morcego, deixou hoxe este mundo para compartir nube na Historia con grandes artistas aos que admirou, como Daniel Castelao e Dario Fo, ou con outros cos que compartiu talento, escena e vida. Tres palabras golpean as nosas cabezas para definir a este xenial creador: XENEROSIDADE, AMOR e TALENTO.

Gran acollida á exposición dos 30 anos do Teatro do Morcego

A exposición '30 anos do Teatro do Morcego' acaba de pechar ao público no Auditorio de Cangas e as críticas non poden ser mellores. Ao longo de pouco máis dun mes, centos de persoas puideron ver pezas xa históricas do vestiario, a escenografía, a memoria gráfica e a dramaturxia dun dos grupos senlleiros do teatro galego. 
 
O actor e director Celso Parada e Isabel Ávila fundaron Teatro do Morcego en 1989. Como moitas das cousas máis grandes, o feito de que a Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas acollera esta exposición foi froito dunha marabillosa casualidade. Como Celso e Isabel mesmos lembran, a idea xurdíu arredor dunhas cervexas despois de asistir á manifestación do 8 de Marzo. En referencia á MITCFC, os artífices da compañía expliquen que "tendo colaborado coa casa, traballado na casa e contratado a xente da casa, parece que o destino estaba escrito". E así foi.
 

A exposición ‘30 Anos do Teatro do Morcego”, en Cangas ata final de mes

Un dos grandes atractivos da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, que vén de rematar hai escasamente trece días na súa trinta e seis edición, foi a exposición adicada ao aniversario da creación da compañía teatral Teatro do Morcego. A convocatoria de recordo, baixo o título de ‘30 anos do Teatro do Morcego’, obtivo unha excelente acollida do público que fixo acto de presenza no vestíbulo do Auditorio Municipal de Cangas. Alí foron ubicadas pezas xa históricas do vestiario, a escenografía, a memoria gráfica e a dramaturxia, sempre atrevida e comprometida, dun dos grupos teatrais senlleiros na historia do teatro galego. 

A organización da Mostra, atendendo ás peticións de diferentes colectivos culturais do Morrazo e ao interese suscitado pola retrospectiva dos ‘morcegos’, prolonga até o 31 deste mes de xullo a duración do evento nos horarios habituais: dende as 12:00 ás 14:00 horas na mañá e de 17:30 a 22:00 horas, pola tarde.